Manifesto Miñor recomenda reclamar nas oficinas de Movistar a instalación de fibra óptica

No pasado mes de outubro, Manifesto Miñor levou unha moción ao pleno da corporación que foi aprobada por unanimidade. Nesta moción pedíase tomar medidas para que todos os lugares do concello tivesen a mesma posibilidade de poder acceder a internet mediante a fibra óptica.

“Hoxe en día o mundo laboral camiña cara o traballo en rede, no ensino cada vez se fai máis imprescindible o uso das novas tecnoloxías, en conclusión para que unha sociedade acade un grao de desenvolvemento acorde o século no que vivimos, esta precisa de dotación de servizos básicos, e un deles é unha boa conexión a internet e rápida, cousa da que carecemos neste intre no concello xa que a velocidade da internet non supera os 30MGps no mellor dos casos”, sinala Antonio Araújo.

A Xunta de Galicia, no marco do Plan Banda Ancha 2.020, concedeu en marzo de 2018 unha subvención á operadora Telefónica de España, S.A. destinada a despregar redes de banda ancha ultrarrápida de máis de 100Mbps en entidades de poboación de menos de 300 habitantes. Estes despregues contarán cun investimento público de 14,2 millóns de euros, cofinaciados nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Subvención esta que remata no ano 2.021.

“Con esta medida, a administración galega debería actuar nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, namentres que o Estado debería centrar os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Ancha (PEBA)”, engade Araújo.

“En parte do concello xa está despregada a fibra óptica e so falla que se resolva un problema na Xunqueira, en vías de solución, para a substitución do cableado e poder ter unha internet ultrarrápida efectiva, con todo, preocúpanos que no noso concello existan zonas brancas, aquelas que non teñan a cobertura mínima de 30 MGps e as operadoras non teñen previsto chegar a elas: estas son Portavedra, Fontiña, Vilas, Prado, Murxido e A Fraga (Couso)”, advirte o voceiro de Manifesto Miñor.

O 10 de maio de 2014 saíu publicado no BOE a lei 9/2014 de telecoumicacións, esta lei modificou a anterior lei 32/2003, de 3 de novembro para axilizar a instalación da fibra óptica e a supresión da rede de cobre actual.

Para avanzar na solución deste problema de conexión nos devanditos núcleos, dende Manifesto Miñor piden aos habitantes dos mesmos que deixen constancia da necesidade dunha boa conexión a internet que lles permita dispoñer de servizos de telefonía fixa convencional, transmisión e recepción de televisión, servizos de ofimática, etc, acorde cos novos tempos, para o cal recoméndanlle dirixirse ás oficinas de Movistar e deixar constancia por escrito desta reclamación e de non ser discriminados por viviren afastados dos núcleos máis poboados.