Nigrán celebra o Día Mundial da Xustiza Social cunha xornada online

O Concello de Nigrán, a través do grupo de traballo sobre discapacidad “Un Nigrán para todos”, celebrará o 20 de febreiro, Día Mundial da Xustiza Social, cunhas xornadas online dirixidas a abordar esta cuestión desde todos os seus ángulos. Os interesados en asistir telemáticamente poderán seguila en Youtube no enlace https://youtu.be/Z49231cmp-I (canal de “Un Nigrán para todos”).

Neste encontro virtual que arrancará ás 11:00 horas participarán expertos en ámbitos moi diversos para afondar nun tema que comprende desde o mundo da educación, ao deporte, o traballo, a linguaxe, a sanidade… Así, entre os conferenciantes estará o deportista Bernabé Costas, o arquitecto Alfonso Correa, o profesor de Dereito Jacinto Lareo, o experto en dereito enerxético Koldo Martín…

A celebración do Día Mundial da Xustiza Social busca erradicar a pobreza e promover o emprego pleno e o traballo digno, a igualdade entre os sexos e o acceso ao benestar social e a xustiza para todos. As persoas con discapacidade subliñan neste día o seu dereito a ser iguais en oportunidades e en exercer a súa liberdade e capacidade de empoderamento. “Todos debemos contribuír á erradicación da pobreza, a que exista unha igualdade de xénero, a promover oportunidades de emprego e desenvolvemento a toda a poboación e, en definitiva, a xerar unha sociedade de benestar pacífica e que respecte os dereitos de todos os seres humanos”, resume Juan González, alcalde de Nigrán e quen abrirá a xornada do sábado.