Vithas Vigo trata miomas uterinos por radiofrecuencia en menos de media hora

O Hospital Vithas Vigo comezou a tratar miomas uterinos por radiofrecuencia. A responsable deste tipo de tratamento, a Dra. Rosa Darriba Marino, resalta que isto permite abordar esta patoloxía en menos de media hora, sen cicatrices, de forma ambulatoria, e logrando a supresión das molestias.

Os miomas uterinos son tumores benignos que crecen no útero e que causan diversos síntomas que van desde menstruacións moi abundantes e dolorosas, sangrados ocasionais entre períodos, dor pélvico crónico e ao manter relacións sexuais, aumento da frecuencia de micción, hinchazón abdominal. Tamén poden afectar á fertilidade, dificultando a concepción, aumentando a taxa de abortos, de partos prematuros, hemorraxias post parto e outras complicacións. Os miomas uterinos son o tumor sólido pélvico máis común na muller.

Este novo tratamento consiste no uso dunha agulla fina que se introduce no interior do mioma, guiada por ecografía, aplicándolle ondas de radiofrecuencia. Estas ondas xeran unha elevación de temperatura que causa a necrosis coagulativa das células do mioma sen danar ao músculo uterino. O tumor é reabsorbido durante os meses posteriores á intervención.

O tratamento, que se realiza en quirófano, dura entre 10 e 30 minutos e a paciente pode regresar á súa casa dúas horas despois; coa única indicación de levar un par de días de vida tranquila. As molestias, en caso de telas, son leves como certa sensación de hinchazón similar á que se ten durante a menstruación e responde perfectamente a analxésicos habituais.

O tratamento por radiofrecuencia é realizado pola coordinadora de xinecoloxía e obstetricia do Hospital Vithas Vigo, a Dra. Darriba Marino. En 2019 foi a primeira profesional en realizar intervencións xinecolóxicas con asistencia do robot cirúrxico Da Vinci Xi en Galicia. Esta é unha estratexia de innovación médica que caracteriza a aposta de Vithas por ofrecer a mellor experiencia paciente, contando, ademais, con profesionais de primeiro nivel.

Sen cicatrices

A Dra. Darriba explica que o tratamento por radiofrecuencia dos miomas está especialmente indicado para os de difícil abordaxe pola súa localización; a cal dificulta a súa extracción mediante histeroscopia ou laparoscopia.

Do mesmo xeito, esta técnica non deixa cicatrices no miometrio. Isto permite unha procura máis precoz do embarazo e non ten risco de rotura uterina, posibilitando un futuro parto vaxinal.

Os resultados dos estudos coñecidos sobre esta nova técnica falan dunha redución do sangrado, a dismenorrea (dor durante a menstruación), a dor pélvica e os síntomas miccionais. En tres de cada catro casos estes redúcense aos tres meses ata a súa total eliminación ao ano.

Plus de calidade

A coordinadora de xinecoloxía do Hospital Vithas Vigo entende que a introdución deste novo procedemento é “un plus de calidade” na atención das pacientes con síntomas persistentes que prefiran un tratamento conservador do útero.

“Podemos ofrecerlle, segundo o caso, a miomectomía por laparoscopia habitual ou, asistida polo robot Da Vinci, a resección histeroscópica bipolar nos miomas submucosos e, agora, tamén a radiofrecuencia baixo control ecográfico que soluciona de forma rápida e ambulatoria determinados casos nos que hoxe en día é a mellor solución”, asegura a Dra. Darriba Marino.

A doutora Darriba insiste na necesidade de realizar revisións xinecolóxicas rutineiras para a detección de posibles patoloxías e poder ofrecer sempre a mellor solución.