Gondomar organiza un campus tecnolóxico e un obradoiro de cómic para a mocidade

O Concello de Gondomar segue a organizar actividades, suxeitas á nova normalidade, que faciliten a opción lúdico-educativa para os mozos e mozas do municipio á vez que se busca favorecer a conciliación familiar. Con este obxectivo dende a Concellería de Xuventude desenvolveranse dous campus os meses de xullo e agosto, suxeitos a protocolos específicos e as medidas de seguridade hixiénico-sanitarias esixidas para evitar contaxios da Covid-19.

Do 27 ao 31 de xullo desenvolverase un Campus Tecnolóxico. Nel iniciarase os participantes na robótica, creación de videoxogos e animacións, e tamén traballarán no deseño e impresión con 3D. Vai dirixido á mocidade entre 8 e 13 anos e en horario de 10:00 a 13:00 horas.

Do 3 ao 10 de agosto, en horario de 11:00 a 13:00 horas, desenvolverase un Obradoiro de Cómic, dirixido a rapaces de entre 9 e 17 anos podendo elixir o seu estilo favorito: Manga, Cartoon ou Súper heroes.

Os interesados poderán inscribirse entre o 13 e 23 de xullo cubrindo os anexos que se poden pedir na OMIX (Casa da Cultura) e presentándoos xunto á fotocopia do DNI ou libro de familia e volante de empadroamento no rexistro xeral do Concello de Gondomar.