Gondomar inviste nas parroquias do municipio atendendo as súas necesidades

O goberno de Paco Ferreira ten entre os seus obxectivos prioritarios converter o concello nun referente e niso xogan un papel importante as actuacións nas diferentes parroquias que o integran. Conscientes do amplo territorio da localidade (75 km2) e as deficiencias que veñen arrastrando desde hai décadas “aos poucos imos cumprindo e asumindo obras que responden ás demandas dos nosos veciños que outros antes non atenderon”.

É o caso da parroquia de Vilaza, onde xa están en marcha as obras de saneamento de Fontenla, que permitirá unir á rede municipal as vivendas da zona e as de próxima construción. Un saneamento que tamén se necesita noutros lugares pero como sinala o alcalde “paso a paso iremos logrando, pero todo dunha vez non se pode”.

Nas últimas semanas tamén se realizaron diferentes actuacións na parroquia de Donas. Por unha banda, a brigada de obras municipal finalizou os labores de limpeza e adecuación da estrada de San Cibrán. Por outra, o rexedor e responsables do goberno reuníronse coa directiva do Cemiterio de Donas para coñecer de primeira man as melloras que precisan e que se queren arranxar no menor tempo posible. O alcalde subliñou o gran traballo que a directiva está a realizar no mantemento do camposanto.

O Torreiro de Festas de Vilaza xa loce diferente tras dotalo de plantas e arrombalo para o goce de toda a veciñanza e visitantes. A colaboración veciñal, que achegou a súa man de obra, e a do goberno local achegando o material e as plantas, fixeron posible esta mellora.

Por último destacar a actuación realizada en Mañufe, na estrada de Antime, onde o muro de contención da estrada que se derrubou, está xa remodelado e en pé e cando o tempo permítao procederase ao asfaltado do lugar.