Anuncios
Ticker de novas

As vinte embarcacións da II Regata Solar contarán cun sistema de monitoraxe en tempo real

FOTO: JUAN CABALLERO // Presentación da Regata Solar Marine Instruments.

O Centro Tecnolóxico do Mar desenvolveu un sistema integrado de monitoraxe en tempo real do estado das embarcacións, proporcionando os sensores e software de visualización aos distintos equipos que participarán nesta segunda edición da Regata Solar. A regata comezará o domingo as 10:00 horas no Monte Real Club de Iates de Baiona e nela participarán 20 equipos de 9 centros educativos de secundaria, bacharelato e ciclos formativos.

Este sistema permitirá coñecer en cada instante a posición de cada embarcación -deseñada e construída por cada centro educativo participante- así como outros parámetros claves como a velocidade de desprazamento, a potencia ou a intensidade da luz incidente.

Os alumnos poderán ver a tempo real cada un dos parámetros que recollen os sensores, o que lles facilitará a toma de decisións. Así mesmo, terán a oportunidade de poder estudar posteriormente o comportamento do seu barco baixo as condicións meteorolóxicos reinantes.

A Fundación Cetmar colaborará ademais neste evento a través do Centro de Formación A Aixola, que instalará no escenario da regata paneis informativos sobre construción naval que permitirán aos participantes e asistentes aprender algúns conceptos de fabricación de velas, construción tradicional en madeira ou construción moderna en composites.

Marine Instruments organiza esta regata para incentivar as inquietudes do alumnado pola tecnoloxía e as enerxías renovables respectando o medio ambiente, obxectivos compartidos polo Centro Tecnolóxico do Mar. En concreto, esta actividade enmárcase dentro dos obxectivos de divulgación científica do proxecto MARRISK, financiado a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) do Programa Interreg España-Portugal 2014-2020, e no que participa Cetmar xunto a outros socios galegos e do Norte de Portugal.

Anuncios