O Álvaro Cunqueiro conmemora o Día Internacional do cancro infantil

Hoxe celébrase o Día Internacional do Cancro Infantil. Esta fecha tan sinalada, ten o obxectivo de concienciar á sociedade sobre esta enfermidade e intentar que tódolos nenos e nenas teñan acceso a un diagnóstico e tratamento axeitado. Aínda que este ano, debido á COVID-19, non se poderán realizar as actividades lúdicas habituais organizadas para este Día, desde o Hospital Álvaro Cunqueiro quérese sumar a súa conmemoración e enviar unha mensaxe de apoio e esperanza a tódolos menores que están loitando contra esta enfermidade e as súas familias.

A oncóloga da Unidade de Oncoloxía pediátrica do CHUVI, Cristina Lorenzo Fírvida, manifesta que “nun día coma hoxe é moi importante transmitir optimismo aos nosos pacientes e á sociedade en xeral. O índice de supervivencia do cancro infantil sitúase aproximadamente nun 80%, con progresivos avances ano a ano. Ademais, un obxectivo clave do noso traballo é a mellora na calidade de vida destes nenos e nenas. Neste ano, especialmente complicado, os nosos pacientes demostraron ser un exemplo a seguir na loita contra a COVID-19, polo que puidemos manter a nosa actividade asistencial sen documentarse ningunha infección”.

O cancro infantil non se pode previr, polo que os esforzos céntranse en lograr o diagnóstico temperá dos casos, e en dispoñer dos mellores tratamentos, porque é aquí onde reside a clave da supervivencia dos menores e a súa calidade de vida. Os puntos fundamentais desta atención son: un diagnóstico precoz, tratamento protocolizado, seguimento de efectos secundarios, e apoio noutros temas importantes para a familia e os nenos como a escolarización e a reincorporación a súas vidas tras o tratamento.

25 novos diagnósticos

O cancro que afecta en maior medida aos menores é a leucemia. Séguenlle os tumores do sistema nervioso central e os linfomas. Durante o pasado ano, no CHUVI foron diagnosticados 25 casos novos (3 máis que no ano anterior). En xeral, a Unidade de Oncoloxía pediátrica do Álvaro Cunqueiro atende a 160 menores da área sanitaria viguesa. A maioría deles están en fase de seguimento en consulta, unha vez concluído o seu tratamento no hospital. Nestes momentos, hai 10 pacientes en fase de tratamento activo (quimioterápico). O Hospital de Día Pediátrico atende de xeito ambulatorio a unha media diaria de 8 pacientes.

O seguimento dos nenos que xa concluíron o seu período hospitalario oscila entre cinco e dez anos, segundo o tipo de tumor que padezan. Ademais, nas consultas de oncoloxía pediátrica do CHUVI realízase un seguimento de pacientes con síndromes xenéticos con predisposición ao cáncer, para realizar un diagnóstico de precoz.

Atención integral

A atención sanitaria prestada nos hospitais pretende dar unha resposta óptima dende o punto de vista médico, pero tamén quere ofrecer unha atención integral, que comprenda todos os aspectos da esfera psico-bio-social da persoa e da súa familia. Neste marco, a educación regrada é un elemento esencial. O Álvaro Cunqueiro conta cun Aula Hospitalaria, cun equipo docente de dous profesoras que prestan soporte académico, que permite aos nenos e nenas ingresados manter a súa conexión, tentando que poidan seguir desenvolvendo o programa académico do seu centro.

Ademais da programación académica, préstase especial atención ás actividades lúdicas e de lecer. É un dos obxectivos prioritarios do seu Plan Estratéxico XXI, a humanización das áreas de maior sensibilidade, con especial atención á infancia. Trátase de que os nenos e nenas esquezan ou minimicen o trauma que supón a hospitalización, o chamado “síndrome hospitalario”, e contribuír a facerlles máis grata a súa estadía no centro.

Para isto conta coa colaboración de varias Asociacións como Bicos de Papel, ASANOG, Doutores Sonrisa, Magos solidarios de Abracadabra, Galiclown, os Bombeiros de Vigo ou a Cruz Roja entre outras. Aínda que este ano, por mor da pandemia, estas actividades presenciais tiveron que ser restrinxidas, algunhas deles continuaron ofertándose “on line”.