Baiona finaliza as obras de ampliación da senda fluvial de Baredo

A ponte que cruza o río non figuraba no documento orixinal e tiveron que elevar as cotas.

Baiona acaba de rematar unha das obras que máis obstáculos tivo que sortear o tripartito tras a súa investidura en xuño de 2019. A ausencia dun proxecto real de construción da segunda fase da senda fluvial de Baredo provocou múltiples problemas que obrigaron a paralizar os traballos dilatados ata preto de dous anos, fronte aos tres meses estimados inicialmente nos pregos e que desembocaron nun sobrecusto final de 36.000 euros sobre os 143.317 euros polos que se adxudicou a súa construción á UTE Baredo.

O primeiro co que tiveron que lidar foi o relativo ao conflito veciñal creado nada máis comezar as obras, xa que parte do trazado invadía terreos privados a pesar de que o percorrido está exposto sobre territorio de dominio público. Unha situación que en agosto de 2019 obrigoulles a frear en seco ata novembro de 2020. Con todo os atrancos non acababan máis que comezar. Inclinacións de máis do 7% no roteiro, a ausencia dunha ponte necesaria para materializar a proxección da senda, cotas a niveis de leito, ausencia de varandas ou a falta de accesos a persoas con mobilidade reducida son só algunhas das incorreccións que obrigaron ao equipo de Goberno a modificar substancialmente un proxecto que en boca do edil de Vías e Obras, Óscar Martínez, “estaba feito a base de remendos sobre unha memoria”.

Deste xeito a construción das pasarelas de madeira de tan só 500 metros de lonxitude converteuse nunha auténtica “ximkana”. Segundo explica Martínez, sobre o importe de adxudicación fixado en 143.317 euros sumaron todas as certificacións que elevaron o importe a 157.644 euros. O suplemento pola Deputación en base á marxe do 10% sobre o total contemplado para contratempos, e que a Administración local espremeu ao máximo. Aínda así terán que afrontar un pago extra fixado en 20.937 euros para o que será necesario recorrer ás arcas municipais.

Xa cos traballos rematados, que entre as dúas fases roldan 1,5 quilómetros de lonxitude, tanto veciños e visitantes poden completar o traxecto que culmina no lugar da Torre aínda que o alcalde Carlos Gómez cualifica o proxecto inicial canalizado na recta final do mandato dos populares de “auténtica chapuza” ante as présas para conseguir o financiamento procedente do Plan Concellos da Deputación. “Durante a primeira reunión mantida cos propietarios de terreos afectados por onde discorre a senda fluvial de Baredo, puidemos comprobar que sen previo aviso dous dos solares quedaban cortados pola metade”, explica á vez que recrimina a actitude dos populares. “Independentemente de que as pasarelas discorran por chan de uso público, o mínimo é poñerse en contacto cos propietarios dos terreos para comunicarlles as actuacións”, conclúe.