La Vuelta 21 pasará polo Val Miñor

O Fórum Evolución de Burgos acolleu este xoves a presentación oficial de percorrido de La Vuelta 21. Nun acto marcado polas medidas de seguridade sanitarias, con limitacións de público e distancia entre os asistentes, presentouse “La Vuelta de las Catedrales”. A 76ª edición da rolda española arrancará fronte á Catedral de Burgos o 14 de agosto e discorrerá integramente por territorio español ata a última etapa, que desembocará na Catedral de Santiago, o 5 de setembro.

Unipublic deu a coñecer este xoves, 11 de febreiro, o percorrido de La Vuelta 21, que se disputará entre o 14 de agosto e o 5 de setembro. Os oito primeiros quilómetros dos 3.336,1 km. que compoñen a proba serán unha contrarreloxo individual urbana na cidade de Burgos. Un percorrido ao redor da súa catedral, o monumento máis emblemático da localidade, que en 2021 conmemora o VIII centenario da súa construción. As dúas etapas seguintes manteranse dentro da provincia burgalesa, cun final no barrio da Gamonal e outro na cima do Picón Blanco, primeira chegada no alto inédita de La Vuelta 21.

O pelotón irase desprazando cara ao leste da península, con paradas nas provincias de Soria, Guadalaxara, Conca, Albacete, Valencia e Alacante. Neste último territorio descubrirase outra subida: o Balcón de Alacante. Un pouco máis cara ao sur, La Vuelta terá unha meta na Rexión de Murcia e poñerá o punto final á primeira semana de competición no xa coñecido Alto de Velefique, en Almería.

Tras unha primeira xornada de descanso, a carreira renovarase en Roquetas de Mar e tomarase o seu tempo para percorrer a xeografía andaluza. As provincias de Málaga, Xaén e Córdoba recollerán a alternativa antes de que La Vuelta regrese a Estremadura por primeira vez desde 2013. Badaxoz e Cáceres acollerán dúas saídas e dúas metas en 2021. Destaca por espectacularidade o Pico Villuercas, unha subida durísima e inédita na proba. Xusto antes do descanso, Ávila rematará a segunda semana cunha meta no histórico El Barraco, berce dalgúns dos mellores ciclistas da historia do ciclismo español.

Os corredores repoñerán forzas antes dun último tramo de carreira que promete emocións fortes. Cantabria ofrecerá unha etapa íntegra na comunidade, antes de dar paso á subida aos emblemáticos Lagos de Covadonga. O Principado de Asturias buscará erixirse en xuíz de La Vuelta 21, encadeando a xornada na mítica subida canguesa e unha etapa que servirá para descubrir un novo porto para a historia: o Altu d’O Gamoniteiru. Galicia retomará a proba cunha meta en Monforte de Lemos e unha etapa íntegra na provincia de Pontevedra que fará as delicias dos clasicómanos.

A etapa de montaña pontevedresa, de 173,6 quilómetros e que se disputará o 4 de setembro, comezará en Sanxenxo e pasará por Pontevedra, Redondela, O Porriño, o Alto de Vilachán, o Alto de Mabia, o Alto de Mougás, Baiona e o Alto de Prado, para concluír no Alto Castro de Herville en Mos. “Unha etapa que promete ser moi divertida para o espectador. A primeira parte, relativamente chaira, dará paso a unha pequena clásica. Subidas e baixadas constantes e cinco portos curtos pero duros. Unha sorte de mini Lieja a falta dunha etapa para acabar La Vuelta 21”, comentou Fernando Escartín.

Non será Madrid, senón A Coruña a provincia elixida para a disputa da última xornada de La Vuelta 21. En ano Xacobeo e sendo a de 2021 A Volta das Catedrais, a organización preparou unha última contrarreloxo con final en Santiago de Compostela e saída de Padrón. Etapa que soará no recordo dos afeccionados ao ciclismo dos 90, moi similar a aquela que decidiu o triunfo de Tony Rominger na Volta 1993.

UNHA VOLTA ÍNTEGRA EN ESPAÑA

“Estamos a atravesar un período moi duro en todo o mundo e que se está notando sensiblemente no noso país. Por iso, quixemos deseñar unha carreira diferente. É unha Volta ambiciosa, con moitos quilómetros de percorrido, pero que se restrinxe unicamente a España. Queremos mostrar o noso país: a súa beleza e o seu potencial como referente turístico mundial. Estaremos en moitísimos territorios, cunha gran variedade de terreos e sedes inéditas, ademais de visitar algúns dos grandes núcleos turísticos do país. É a nosa maneira de axudar ao entretemento e a promoción turística á espera de que podamos volver, aos poucos, á normalidade”, expresou Javier Guillén, director xeral da Volta.

UNHA PRESENTACIÓN EN FORMATO REDUCIDO

Aínda que a presentación oficial do percorrido é un acto multitudinario que congregou en 2020 a máis de 1.200 asistentes, en 2021 a seguridade antepúxose á festividade habitual desta convocatoria. Cunha asistencia equivalente ao 15% do aforo do Fórum Evolución de Burgos, foi obrigatorio o uso de máscara durante todo o acto e respectouse en todo momento a distancia interpersoal recomendada de 2 metros entre cada asistente.