Zona Franca inicia as obras de 14 naves en Porto do Molle cun investimento de 6,3 millóns

O Consorcio da Zona Franca de Vigo iniciou a construción de 14 naves no Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, cun investimento de 6,3 millóns. Trátase de naves polivalentes, entre 300 e 500 metros cadrados, que cobren a demanda tipo das pemes cun deseño innovador.

O delegado do Estado, David Regades, que visitou as obras, explicou que “xa se interesaron algunhas empresas por estes espazos, así que decidimos que, mentres se desenvolve o proceso de construción, Zona Franca abrirá a posibilidade de que avancen as súas intencións de alugalas para ir reservando os espazos”.

En concreto son 14 naves, 28 talleres e 14 oficinas, con 68 prazas de aparcamento nunha parcela de 10.710 metros cadrados. O adxudicatario das obras é Construcións Alea e o prazo de execución de 18 meses, así que a súa finalización está prevista para o verán de 2022.

Trátase dun edificio industrial cun deseño moderno e que pretende achegar unha visión unificada e conxunta de “Complexo Industrial”, onde distintas empresas comparten unha mesma imaxe arquitectónica con características e servizos comúns.

Así, nos catorce módulos, nos que conviven naves, talleres e oficinas, ofrécese instalación industrial e simultaneamente proporciónase unha contorna luminosa, optimista e atractiva, que achega valor engadido ás empresas.

O espazo destinado a nave ocúpao a planta baixa, con acceso para camións; o espazo destinado a talleres estará na planta baixa e primeira, co acceso peonil e vinculados á nave anexa para unha mellor operatividade; e o espazo destinado a oficinas estará na segunda planta con acceso independente desde zona común.

O Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, do Consorcio da Zona Franca de Vigo, é un enclave tecnolóxico, baseado nun concepto de parque sostible, con 102 hectáreas acondicionadas e 120 empresas instaladas. Un espazo onde o Consorcio ofrece Centro de Negocios, Edificio Tecnolóxico Aeroespacial, naves bioclimáticas enfocadas a actividades industriais e de almacenaxe e parcelas non urbanizadas.