Nigrán duplicou o seu parque móbil nos últimos 10 anos

Desde 2010 o censo do parque móbil dos tres municipios creceu de maneira moi desigual logrando en total un aumento do 30%. Nigrán sitúase á cabeza con moita diferenza, coa peculiaridade de que a súa poboación reduciuse no mesmo período en máis de 400 habitantes. O despegamento de Porto do Molle, a principal das causas.

A cifra comarcal correspondente a turismos particulares, comerciais e industriais e motocicletas ascenden a un total de 38.978 fronte aos 27.416 de fai dez anos, o que é o mesmo, un cociente por cada 1.000 habitantes de 870 superando a media nacional. En canto á progresión á alza, cabe destacar o despunte reflectido desde Nigrán, que duplicou vehículos, pasando de 7.334 en 2010 a 15.311 en 2020. En segundo lugar atópase Gondomar cun crecemento do 28,4%. Os datos parten de 11.178 mentres que ao 1 de xaneiro do pasado ano rexistrou 14.267. Baiona é a que máis estancada quedou con 8.804 ao comezo de 2010, situándose no mesmo período de 2020 con 9.400.

O feito de que os datos demográficos non vaian en consonancia co crecemento do parque comarcal levan a pensar no establecemento de novas empresas, que no caso da localidade nigranesa coincide á perfección co asentamento e posterior despegamento do parque empresarial de Porto do Molle. Aquí a densidade poboacional extraída do INE ao 1 de xaneiro de 2010 ascende a 18.094 habitantes pero o máis sorprendente de todo é que dez anos despois a cifra é inferior, con 17.673 persoas censadas e máis do dobre de vehículos. Esta liña reprodúcese de modo similar na vila condal pero coa diferenza de que o polígono da Pasaxe xa estaba en funcionamento pero condicionado pola súa situación de alegalidade e que lle impediu crecer ao mesmo ritmo da demanda. O número total de veciños subiu en algo máis de 1.000, partindo de 13.670 e ao comezo do 2020, 14.702. A vila mariñeira a pesar de ser a última da clasificación, é a máis equilibrada dos tres e curiosamente carece de parques industriais. A principios do ano pasado a cifra situábase en 12.129 e un crecemento de tan só medio centenar de veciños.

Cabe destacar outros factores que influíron nun cambio poboacional moi acusado, sobre todo na condal, por exemplo a pandemia. Se se toman os datos non oficiais do padrón ao 1 de xaneiro de 2021, a densidade nas localidades nigranesa e gondomareña aumentou en 432 e 911, respectivamente, e que corresponden a novos empadroamentos. Estes corresponden a persoas con segundas vivendas e que finalmente acabaron establecendo aquí a súa residencia habitual, traslados, ou por outra banda os que regularizaron a súa situación para poder xustificar así os desprazamentos.