O PSOE de Gondomar rexeita unha moción sobre actividades molestas na contorna do IES Terra de Turonio

O pleno do Concello de Gondomar rexeitou grazas ao voto en contra do PSOE unha moción presentada por Paula Bouzós en representación de todos os partidos da oposición.

O equipo directivo do Instituto Terra de Turonio de Gondomar enviou un escrito a todos os partidos da Corporación Municipal no que denunciaban as actividades molestas e insalubres que viñan padecendo por unha instalación (canceira) situada na fronte do edificio. Manifestaban que o asunto xa era coñecido polo goberno municipal despois dun escrito enviado o pasado mes de xullo, dándolle conta das circunstancias previsibles para o novo curso por mor da pandemia e da necesidade de poñer fin a esta situación, cousa que tamén trasladaron ao concelleiro de Medio Ambiente.

A día de hoxe, o instituto segue a padecer esta circunstancia que continúa molestando e interrompendo o desenvolvemento normal das aulas causando un prexuízo ao profesorado e ao alumnado sen ter recibido resposta algunha por parte do Concello.

Así mesmo, tamén se lle vén demandando ao Concello, tanto a través de escritos como da concelleira de Educación, solucionar o problema de acceso ao centro no aparcadoiro dos autobuses, así como a sinalización da prohibición de aparcar os vehículos particulares en horario escolar. Esta circunstancia está a provocar situacións de risco e perigo para toda a comunidade educativa ao non permitir o paso de dous autobuses e vehículos particulares na boca da entrada tan estreita ao aparcadoiro coa estrada (mesmo impediu nunha ocasión o paso dunha ambulancia) debido ao atasco provocado polos coches e os autobuses no citado aparcadoiro.