“O Partido Popular unha vez máis antepon as siglas aos intereses dos veciños de Baiona”

Esta mañá, no pleno celebrado no Concello de Baiona, o Partido Socialista presentou dúas mocións relacionadas coas axudas aos veciños e sectores económicos máis afectados polas restricións pola Covid que, para sorpresa de todos, o Partido Popular e Ciudadanos votaron en contra manifestando segundo o alcalde, Carlos Gómez, unha vez máis, “que antepoñen as siglas aos intereses da Vila, dos seus cidadáns e do comercio e hostalería”.

As mocións presentadas polo PSOE pretendían poñer en valor o traballo levado a cabo polos Concellos galegos, que foi clave para a loita contra a pandemia, ademais de instar á Xunta de Galicia a crear un fondo extraordinario, nos orzamentos da comunidade autónoma, destinado ás corporacións locais, dotado de polo menos 100 millóns de euros para 2021 e que se repartan con criterios obxectivos.

Doutra banda, noutra moción, que tamén rexeitaron os populares, o PSOE expuxo aprobar un decreto urxente no que se contemple de forma inmediata as axudas para os sectores afectados polas restricións sanitarias acordadas pola administración autonómica, así como a creación dun procedemento urxente, áxil e sinxelo para facilitar o acceso inmediato dos empresarios a estas axudas.

Para o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, resulta incomprensible o voto en contra do Partido Popular a unhas axudas que, ademais de ser de perentoria necesidade para os veciños e tecido empresarial da Vila, non supoñerían un desembolso por parte das arcas municipais ao tratarse de transferencias da Xunta ao Concello de cantidades non reembolsables e co único fin de axudar aos veciños que pola pandemia atópanse nunha situación vulnerable.

Carlos Gómez asegura que “queda patente que o Partido Popular segue tratando aos veciños de Baiona como números e non como persoas con nome e apelidos”, e engade que “é unha absoluta irresponsabilidade deixar aos hostaleiros e ao comercio da Vila sen as axudas que lles corresponden por dereito”.