O Chuvi garante a actividade asistencial en oncoloxía durante a pandemia

Con motivo do Día Internacional do Cáncer que se celebra hoxe, o servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo reafirma o seu compromiso cos pacientes oncolóxicos e as súas familias enviándolles unha mensaxe de tranquilidade e seguridade.

“A pesar do Covid-19, os nosos pacientes poden estar tranquilos xa que garantimos o 100% da atención, tanto en consultas como nos diferentes tratamentos e intervencións; e tamén deben perder o medo e sentirse seguros, xa que temos desenvolvido protocolos para cada proceso que aseguran as máximas garantías sanitarias”, afirma o xefe do servizo, Joaquín Casal.

Así, o efecto Covid non tivo impacto nos resultades asistenciais do servizo de Oncoloxía, dado que trátase de pacientes de máxima prioridade, cuxa atención non admite demoras. “Sen embargo, co obxecto de acadar o mantemento desta actividade, foi necesario un gran esforzo de todo o equipo para facer fronte a un virus descoñecido e adaptarnos a unha realidade cambiante, reorganizando a actividade e deseñando novos circuítos e protocolos”, explica o doutor Casal.

2.000 novos pacientes

Deste xeito, ao tratarse de pacientes especialmente vulnerables, extremáronse as medidas preventivas e de hixiene desde o inicio da pandemia, evitando a concentración de pacientes e familiares nas salas de tratamento de quimioterapia ou de espera.

Ademais, reorientaron as súas consultas -sempre que non requiriran dunha atención urxente e presencial- cara a modalidade da consulta telefónica, que resultou de gran utilidade no seguimento destes pacientes, para informar dos resultados das distintas probas realizadas.

Neste senso, os especialistas do Álvaro Cunqueiro atenderon o pasado ano a 1.921 pacientes novos (un 7% máis que no 2019); realizaron 22.537 consultas sucesivas e rexistraron 1.021 ingresos hospitalarios.

Entre as patoloxías máis prevalentes, o 65 % corresponden a cáncer de mama, pulmón e colorectal, por este orde. A continuación, o cáncer de páncreas e vías biliares (6%), urolóxico (5%), otorrinolaringoloxía (5%) e gastro-esofáxico (5%). Por último, o grupo de menor prevalencia é o constituído polos sarcomas, melanomas, cerebrais e linfomas (1-4%).

Así mesmo, atendéronse máis 200 casos de pacientes sans e as súas familias nas Consultas de Asesoramento de Risco Familiar de Cáncer.

Ademais da actividade propiamente asistencial, a labor investigadora tamén continuou realizándose durante a pandemia, cun total de 40 ensaios clínicos en marcha. Neste contexto, pódese subliñar a actividade da Área de Oncoloxía Traslacional, grupo do IIS Galicia Sur, que está realizando varios estudos relacionados con diversos tipos de cáncer. Por último, facer unha alusión aos artigos científicos publicados no pasado ano, rexistrando máis dunha decena de artigos indexados nas revistas máis relevantes da especialidade.

Vías rápidas para pacientes con sospeita de cáncer

Outra acción fundamental para atender o mellor posible esta doenza é a realización duna diagnóstico precoz para evitar demoras e disfuncións na asistencia aos pacientes con sospeita de cáncer.

Así, mantense activados uns circuítos asistenciais específicos para axilizar a súa atención, as chamadas Vías Rápidas de Atención. A dia de hoxe, a Área Sanitaria de Vigo ten implementadas as Vías de Colon, Mama, Melanoma, Pulmón, Cabeza e Colo, Próstata, Vexiga e Anafilaxia Himenópteros.

O tempo transcorrido desde o diagnóstico de sospeita ata o primeiro contacto co especialista hospitalario é de menos de 1 día de demora media global.