As asociacións de Sabarís reclaman un uso preferente do novo centro social

Unha trintena de persoas acudiron este martes á concentración convocada polas seis asociacións de Sabarís –Castro e Ladeira, Comunidade de Montes, ATV Distrito XVIII, PICA, Club de Bolos A Rega e Coemsa- para reclamar un uso preferente do novo miltiusos, que conta con oito espazos e unha extensión que rolda os 800 metros cadrados. O presidente da Asociación de Veciños Castro e Ladeira, Martín Otero, considera que o alcalde, Carlos Gómez, faltou á súa palabra “e non ten intención de proporcionarnos un local permanente, nin a nós nin a ningunha asociación da parroquia”.

Tras moitas reunións, as diferentes entidades fixéronlle unha proposta ao Concello para un regulamento do futuro edificio social, pero ata o de agora non obtiveron resposta. “En decembro presentámoslle a todos os partidos políticos un regulamento, pedindo o uso preferente dos espazos para os colectivos da parroquia. Solicitamos varias reunións co tripartito, e non recibimos contestación”, lamenta Otero.

“Nós achegamos os puntos que debía incluír o regulamento e creo que fomos xenerosos e sensatos porque dixemos que as actividades quen tiña a preferencia total era o Concello porque esta casa é municipal, en segundo lugar terían que ter preferencia as entidades da parroquia e despois calquera asociación de calquera índole sexa de onde sexa”, sinala José Alfredo Pereira, presidente da Comunidade de Montes de Santa Cristina da Ramallosa. “Entendemos que debe de estar aberto a todos e aínda que no noso caso pedimos un espazo para usalo de maneira puntual, hai outras como Castro e Ladeira ou PICA que necesitan unha sede permanente”, aclara.

Durante a concentración colocaron unha pancarta na que se pode ler: “Uso preferente para as asociación de Sabarís. O multiusos non é o xoguete do alcalde”. Contan con que a cuestión sexa abordada na sesión plenaria telemática deste xoves grazas aos grupos da oposición e os socios de goberno BNG e Nós, a pesar de que o punto non se atopa recollido na orde do día.

Pola súa banda, o alcalde, Carlos Gómez, desmente as súas afirmacións, asegurando que non faltou á verdade e que non ignora as súas suxestións, e que no momento que conten cun plan de usos redactado e listo para aprobación facilitarallo aos interesados. Ademais consultará cos técnicos a viabilidade de incluír algúns dos 10 puntos que compoñen o último escrito presentado por rexistro o pasado 19 de decembro. A pesar de que non conta cun prazo concreto de presentación do documento regulador, conta con que podería estar listo para levalo ao Pleno do mes de marzo.