As asociacións de Sabarís convocan aos veciños da parroquia a manifestarse diante do antigo Mercado. Esixen un uso preferente do novo Multiusos. A día de hoxe non teñen local dentro da parroquia e pensan que non é de xustiza. Cren que o Multiusos non pode ser un xoguete do alcalde.
“Levamos anos pelexando polo Multiusos de Sabarís. Por fin o proxecto saíu adiante, feito que, por suposto nos alegra e agradecemos. Quizais por iso a nosa sorpresa foi aínda maior ao saber que o Alcalde de Baiona non ten intención de proporcionarnos un local permanente no Multiusos. Nin a nós nin a ningunha asociación da parroquia”, sinalan desde Castro e Ladeira.
“Tras moitas xuntanzas, as diferentes asociacións fixémoslle unha proposta ao Concello para un regulamento do futuro edificio social, mais ata agora non obtivemos resposta”. Por este motivo convocan a toda a veciñanza o próximo martes día 2 de febreiro, ás 17:00 horas, a unha concentración -sempre respectando as vixentes medidas de seguridade en relación á pandemia- nas inmediacións do antigo Mercado, durante a cal colocarán unha pancarta reivindicativa.

