A outra cara da tecnoloxía 5G

Comezan a publicarse noticias sobre a activación da tecnoloxía 5G en máis de oitenta concellos galegos, nunha primeira fase. Entre eles Nigrán e Baiona. A maioría delas en forma de publicidade para as empresas de telefonía, polo tanto unha información moi parcial que fala dos enormes beneficios que traerá consigo, para o “progreso” e para non quedar atrás en relación a outros países de Europa e do mundo.

A opinións que cuestionan o procedemento desta implantación e as posibles consecuencias negativas para o medio e a saúde son cualificadas de paranoicas ou ridiculizadas. Semella que só a versión “oficial” ten cabida e segundo ela todo apunta a un gran avance en todos os sentidos.

O binomio “transición tecnolóxica e ecolóxica” ponse de moda en Europa, como se unha cousa fóra parella coa outra. Así no Plan Galicia 5G tamén falase de “ecosistema”:

“O hipersector TIC será o principal ámbito de xeración de emprego no ecosistema 5G galego”.. .estas novas redes traerán consigo “a dinamización do rural”, “unha mellora na calidade dos servizos públicos, unha maior competitividade das nosas empresas”, “experiencias turísticas melloradas”. “No agro, as 5G permitirán profundizar no concepto de Smart Farming” (1) … Todo semella progreso verde, natural e imprescindible.

En agosto de 2019 o Defensor do Pobo do estado ditaminaba que o Plan Nacional 5G e os seus proxectos pilotos, un deles o galego, non conta cunha avaliación previa sobre o impacto no medio ambiente e na saúde, nin atende ao chamado “principio de precaución”. Fai ademais un recordatorio ás administracións deste deber legal e de seguir as recomendacións da Resolución 1815 do Consello de Europa sobre os perigos potenciais dos campos electromagnéticos. (2) Amparándose neste feito as aseguradoras xa están aplicando o “principio de cautela” excluíndo así das pólizas de responsabilidade civil os danos producidos por esta tecnoloxía.

En Europa, a nivel dos diferentes estados e tamén en Galicia, xorden movementos cidadáns, grupos de médicos, científicos, ecoloxistas que piden unha moratoria nesta implantación baseándose en argumentos científicos, lexislativos, de saúde e de defensa da Natureza. Pídese un estudo previo das posibles repercusións negativas, o cal sería o normal nunha situación de transparencia e democracia. Ademais así o esixe a lexislación como se sinalaba ao comezo. (3)

Algúns dos aspectos que se cuestionan sobre a implantación das 5G:

– Pretenden impoñela a nivel estatal sen o suficiente debate político, científico, social, sanitario e económico, e sen que as autonomías, os entes locais ou a veciñanza teñan ningún poder decisorio. Un dos xeitos de presión para impoñela a todos os Estados dende Europa é condicionar a recepción de axudas para a recuperación post-covid á aceptación do despregue da tecnoloxía 5G.

– Numerosas publicacións científicas demostran que os campos electromagnéticos afectan aos seres vivos, aumentando o risco de cancro, estrés celular, radicais libres daniños, danos xenéticos e do sistema reprodutor, déficits de aprendizaxe e memoria, trastornos neurolóxicos e efectos negativos no benestar xeral das persoas. Coas 5G aumentará a exposición da poboación ás radiofrecuencias (sumándose ás 2G, 3G, 4G…), cóctel de impredecibles consecuencias para a nosa saúde, segundo afirman Colexios Médicos, Asociacións de Medicina Ambiental, Institucións de Investigación do

Cancro, Organismos Públicos de Saúde, Medioambientais, Científicos ou de Protección Radiolóxica de todo o mundo.

– Supoñerá un grave perigo medioambiental, polo aumento exponencial das emisións de CO2 e o consumo enerxético, a necesidade de recursos mineiros, a obsolescencia tecnolóxica que vai xerar unha cantidade enorme de lixo electrónico, o hiperconsumismo insostible e contaminante, a agricultura e gandería intensivas que se proxectan… As interferencias dos máis de 50000 satélites de 5G previstos que dificultarán, segundo afirman os astrónomos, o normal desempeño da meteoroloxía e da astronomía.

– Lonxe de mellorar as condicións sociais, potenciará novas necesidades “consumistas” e a dependencia tecnolóxica. Aumentará (como xa está demostrando onde está funcionando) a fenda dixital e social (entre outras cousas porque precisaremos mercar tecnoloxía nova e máis cara), en detrimento de outras tecnoloxías biocompatibles igual de rápidas e mais seguras (como a fibra óptica) e doutros modelos de consumo máis xustos (como as redes comunitarias). Tamén suporá un maior control social, aumentando a capacidade de recompilación automática e masiva de información persoal que permitirá monitorizar as vidas enteiras das persoas e o seu control. (4) (5) (6)

Nesta situación, de crise social, económica, de saúde, medioambiental… A implantación da tecnoloxía 5G vai realmente a resolver os problemas aos que nos enfrontamos? As súas repercusións non se sumarán a ese desastre que supón o cambio climático e contra o cal, supostamente, os países queren loitar acordando axendas e tratados que non se cumpren pero falan de un futuro verde e sostible?

O Co-mando Ghichas sumámonos á Plataforma por unha moratoria do Plan 5G e neste sentido presentamos nos concellos de Baiona e Nigrán unha proposta de moción para que as administracións locais afectadas definan a súa postura. (7)

Co-mando Ghichas

Fontes:

(1) Plan Galicia 5G – Amtega – Xunta de Galicia

(2) https://www.defensordelpueblo.es/resoluciones/evaluacion-ambiental-y-posibles-efectos-en-la- salud-del-plan-nacional-5-g/

(3) https://www.ecologistasenaccion.org/152277/por-una-moratoria-al-plan-5g-y-sus-proyectos-piloto/

(4) https://www.elsaltodiario.com/5g/organizaciones-medicas-ecologistas-cientificas-reclaman- paralizar-instalacion

(5) https://blogs.publico.es/otrasmiradas/32637/el-5g-en-los-tiempos-de-la-covid-19-una-oposicion- mas-necesaria-que-nunca/

(6) https://www.gigahertz.es/blog/?estudios-cientificos-con-efectos,-por-el-5g-y-ondas-milimetricas

(7) https://you.wemove.eu/campaigns/firma-por-una-moratoria-del-plan-5g-y-de-sus-proyectos- pilotos-por-la-salud-de-los-seres-vivos-y-del-planeta