O baloncesto volve ao Parque da Palma de Baiona

Este ano volve o Baloncesto ao Parque da Palma en Baiona. Con moitas ganas e ilusión, o Club Baloncesto Baiona e a Concellería de Deportes organizan a Vixésimo Quinta Edición do Torneo 3×3, os días 12 e 13 de agosto. Neste torneo o obxectivo principal da organización é crear un bo ambiente para poder gozar dunhas xornadas de baloncesto bonitas e intensivas. Para iso, como en anteriores edicións, elaboráronse categorías para que todos e todas poidan participar. As modalidades son: veteranos (máis de 40 anos), adultos (masculino e feminino), sub 16 (mixto) e sub12 (mixto). Pódense anotar entre 16 e 20 equipos e cada conxunto debe estar formado por un mínimo de 3 xogadores e un reserva e como máximo 6 integrantes.

Todos os partidos terán unha duración de vinte minutos e o encontro finalizará cando termine este tempo ou cando un dos dous equipos chegue aos 21 puntos. Os partidos estarán dirixidos por árbitros da Federación Galega de Baloncesto. Cada xogador recibirá unha camiseta de recordo por participar no Torneo, realizaranse diferentes sorteos durante o evento e os gañadores de cada categoría recibirán un trofeo e tickets agasallo. Este torneo que acolle a máis de 250 participantes en cada unha das súas edicións, se leva a cabo tamén grazas á colaboración de La Caixa, Coca-Cola, Villa Rosa e La Pepita.

Ademais, como desde hai 16 anos, o Club Baloncesto Baiona organiza o Campus de Verán a semana do 8 ao 12 de agosto en Baiona. E este ano amplíase a oferta deportiva estreando a sede en Gondomar, a semana do 15 ao 19 de agosto. Os Campus ofrecen un traballo dinámico e adaptado aos diferentes grupos de idade e nivel. Moito baloncesto e actividades durante unha semana gozando do verán e de novos compañeiros. Os Campus inclúen: traballo de iniciación e perfeccionamento da técnica individual, competicións e premios para os gañadores, unha camiseta de agasallo para todos os xogadores, merenda a media mañá, seguro de accidentes, xogos na praia, actividades complementarias e visitas de adestradores e xogadores de alto nivel.

A oferta deportiva está dirixida a nenos e nenas de 4 a 16 anos, cun grupo especial de Baby Basket. O horario de chegada é ás 10:00 pero desde as 9:00 haberá monitores do Campus no pavillón para recibir aos nenos. Para a organización dos Campus, o Club conta coa colaboración de Agua Sana, Panadería La Pintora, Eroski e os Concellos de Baiona e Gondomar.

Para máis información sobre anotarse, prezos e horarios do Torneo 3×3 e os Campus de Verán poden poñerse en contacto no mail deportes@baiona.gal ou no teléfono 986356558.