Teatro a distancia desde Gondomar nos tempos do coronavirus, terceira parte

Dende o Centro Cultural “A Merced” de Chaín atrévense a facer unha terceira parte de “A vida nos tempos de coronavirus”. A idea xurdiu durante o confinamento que tivemos en marzo do 2020, dúas compoñentes do Grupo de Teatro A Moura, Carmen Grandal e Nieves Paz, que botaban moito en falta os ensaios, as charlas coas compañeiras, as actuacións, etc., e fartas de noticias dramáticas, quixeron dar visibilidade ao difícil momento que estabamos pasando cun toque de humor.

Debido ao éxito do primeiro vídeo e por petición da xente que quería máis, ás dúas semanas saía a segunda parte, outra vez con boas críticas e moitos agradecementos por parte do público, xa que, segundo comentaban, ese ratiño de humor lle estaba facendo máis levadeiro o encerro. Aínda que existía a demanda dunha terceira parte, pensaban que era mellor non facela para non caer na rutina e poder perder ese toque de espontaneidade que estaban tendo as obras, ademais, como xa ían permitindo facer un pouco de vida “normal”, consideraron que xa había outras vías de entretemento.

Agora, meses despois e vendo que a situación volve empeorar, que seguimos coa cultura case paralizada e a imposibilidade de xuntarse para facer ensaios, atrévense a facer unha terceira parte, desta volta son Carmen Grandal e Pili Lorenzo as que participan, sen poder facer ensaios por mor das restricións, pero cunhas grandísimas ganas de facer teatro, volven sacar puntilla a algúns dos temas máis actuais, como as reunións do Nadal. E,aínda que se fai algunha mención ao sistema sanitario (non queren que llelo tomen a mal), Carmen traballa para o Sergas e saben de boa man que son os que están en primeira liña traballando moi duro, “loitando contra este virus e a irresponsabilidade de moita xente que non axuda a que isto mellore, para todos eles o noso máis absoluto respecto”.

“A vida nos tempos de coronavirus”, 3ª parte

🎥 VIDEO: “A vida nos tempos de coronavirus”, 3ª parte.

Publicado por Valmiñor TV en Jueves, 28 de enero de 2021