O IEM denuncia no Parlamento Europeo ao Goberno de Galicia

Dentro das accións que no IEM están desenvolvendo en contra da instalación de 6 parques eólicos na Serra da Groba, recentemente mantiveron unha reunión coa europarlamentaria Ana Miranda para establecer posibles liñas de actuación e coordinación. Unha das conclusións dese encontro foi elevar unha pregunta á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

No texto que veñen de rexistrar, logo de denunciar o incumprimento por parte da Xunta de Galicia do mandato do Parlamento Galego instándolle a ampliar a superficie protexida na Rede Natura 2000 en territorio galego, preguntan:

Ten previsto a Comisión abrir unha investigación sobre o incumprimento polo Goberno de Galicia?

Desde o IEM animan aos grupos, asociacións e colectivos, así como a persoas a título individual, a presentar as súas preguntas neste sentido. “É importante destacar que cantos máis sexamos os que fagamos a mesma pregunta, máis probabilidades teremos de que o Parlamento Europeo tome cartas no asunto e poder parar esta desfeita contra o territorio, un problema que afecta a todo o país”. Para isto é necesario darse de alta na seguinte web.

Para completar o procedemento cómpre pasar unha batería de 8 preguntas que deberanse responder con paciencia (pode ser que haxa que volver empezar unhas cantas veces). Unha vez rexistrado xa se pode achegar a pregunta para o que o IEM suxire o seguinte texto:

Nas respostas parlamentarias E-9181/2010 e E-364/11, a Comisión recoñece a falla de ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia (España). A contribución á Rede Natura 2000 no territorio galego segue sendo unha das máis baixas do Estado español e da UE, con un 11,74 % de superficie protexida.

Malia a aprobación do Decreto 37/2014 polo que se declaran Zonas Especiais de Conservación os LICs de Galicia e se aproba o Plan director, o Goberno galego (Xunta de Galicia) non ampliou a superficie protexida, incumprindo o mandato do Parlamento galego de xuño de 2017 que insta a ampliala. A Comisión Europea debe coñecer a gravidade da situación actual, xa que son numerosas as solicitudes de autorización de proxectos eólicos e mineiros sobre unha importante superficie de espazos que figuraban nas sucesivas propostas de ampliación da Rede Natura 2000.

Ante a ameaza que beneficia a intereses incompatibles coa protección dos espazos protexidos,

Ten previsto a Comisión abrir unha investigación sobre o incumprimento polo Goberno de Galicia?