A Policía Autonómica desprégase no Val Miñor para o control das medidas adoptadas ante a Covid-19

A Policía Autonómica iniciou esta fin de semana un Plan de actuación específico destinado á inspección e control das medidas adoptadas polas autoridades competentes para facer fronte á crise sanitaria provocada pola covid-19. En concreto, despregaranse en horario de noite un total de 78 efectivos, que inspeccionarán os espazos públicos nas zonas do Barbanza, Salnés, Coruña, Mariña Lucense, Ourense e Val Miñor.

En base a este Plan, a Policía Autonómica destinará efectivos e recursos a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión da enfermidade. Centrarán as súas inspeccións nas cidades onde a Policía Autonómica ten sede, e nos concellos turísticos e costeiros, por ser onde se prevé unha maior concentración de persoas nos espazos públicos.

Os axentes actuarán preferentemente na vixilancia do cumprimento dos aforos nas terrazas ao aire libre; nas festas, verbenas e outros eventos populares; e noutras concentracións de espectáculos públicos, como atraccións de feiras ou actividades de ocio.

Ademais, e en coordinación coas demais forzas e corpos de seguridade, traballarán en labores de información, disuasión, control e, no seu caso, proposta de sanción ante o órgano que corresponda en establecementos abertos ao público, centros comerciais, mercados, piscinas, hoteis, parques discotecas ou vehículos de transporte. Nestes espazos, traballarán para garantir que se cumpren as medidas sanitarias, como a distancia interpersoal, a hixiene, ou aforo e acondicionamento.

O Plan fará especial fincapé nas fins de semana e vésperas de festivos, por ser as datas nas que se concentran maior número de persoas en lugares de ocio. Durante as inspeccións, ademais das medidas ante á covid-19, seguirán controlando o consumo de alcohol por parte dos menores ou o cumprimento de horarios de apertura é peche.

Anuncios