O BNG denuncia a incapacidade política do alcalde de Gondomar para elaborar un orzamento propio

Gondomar comeza un ano máis sen proposta algunha de orzamento económico para o 2021 por parte do goberno. Diante novamente da incapacidade de Paco Ferreira para aprobar un orzamento propio por sexto ano consecutivo, a pesar de o PSOE contar agora cun goberno con maioría absoluta, o BNG de Gondomar, a través da portavoz municipal, Manuela Rodríguez, denuncia a incompetencia do goberno socialista para deseñar e aprobar unhas contas adaptadas ás necesidades actuais do concello e ao contexto da crise provocada pola pandemia, limitando a acción política do concello no 2021 a unhas contas do PP que xa eran deficientes no ano 2012.

“Como solución o goberno local está a incorrer nunha falta reiterada de control do gasto e no abuso das modificacións orzamentarias, uso de remanentes e levantamento dos reparos do departamento de Intervención, máis de douscentos no exercicio 2019. Como exemplo da súa falta de control, no 2020 pagáronse da orde de 830.000 € de gastos pendentes de 2019 provocando a conseguinte redución do orzamento para gastos do propio exercicio 2020”, indica Rodríguez. “E hoxe mesmo, o alcalde convocou unha comisión especial de contas para informar dunha nova modificación orzamentaria por 970.000 €”.

Desde o BNG lémbranlle a Ferreira que os remanentes de tesourería non son ilimitados e que deberan estar reservados a paliar as consecuencias da crise social e económica provocada pola pandemia, en forma de reforzamento dos servizos sociais e de axudas ás familias e ás pequenas empresas e persoas autónomas, e non para afrontar gastos extraordinarios non urxentes ou gastos correntes que deberían estar contemplados nun orzamento ordinario.

“É un insulto a veciñas e veciños de Gondomar, e máis nos tempos que corren, que un goberno con maioría absoluta, que ten, a maiores do alcalde, catro concelleiras/os con dedicación exclusiva máis un con dedicación parcial -que perciben 300.000 € anuais en salarios-, sexa incapaz de presentar unha proposta de orzamento para 2021, que é parte do seu traballo. Fica clara a súa incompetencia”, denuncia a voceira do BNG. E engade: “A falla de orzamento propio denota tamén a ausencia de proxecto deste goberno socialista, capitaneado por un alcalde que gusta de gobernar a golpe de impulsos e ocorrencias, baseado unicamente na utilización perversa da súa maioría absoluta”.