Baiona pon en marcha a redacción dun Plan de Mobilidade Urbana Sostible

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Baiona iniciou hai uns días o proceso de redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible. Nestas primeiras semanas a empresa redactora está a realizar unha primeira análise da situación do concello en termos de mobilidade e calidade dos espazos públicos.

A partires de hoxe, 26 de xaneiro, e a través da web do Concello de Baiona, calquera persoa residente neste termo municipal terá a opción de participar nunha consulta dixital online orientada a coñecer tanto as demandas e propostas, como os hábitos de mobilidade da súa veciñanza en relación ao Plan de Mobilidade Sostible. O cuestionario online, que será de carácter anónimo, poderá cubrirse ata o luns 15 de febreiro no seguinte enlace: plandemobilidade.com/baiona, ou ben a través da páxina do Concello (baiona.gal) seguindo o enlace do pop-up ao abrir a páxina.

Dita consulta virá a sumarse ás mesas de participación cidadá, nas que os diferentes colectivos e a veciñanza interesada poderán participar ao longo do mes de febreiro en horarios de mañá e de tarde en dependencias municipais, tendo en conta e aplicando as medidas sanitarias oportunas. Asemade poderán enviarse suxestións ao correo baiona@plandemobilidade.com.

O concelleiro de Urbanismo, Víctor Muñoz, aclara que “as actuacións de mellora e humanización illadas, non teñen sentido sen unha perspectiva máis ampla do conxunto. Hai que fuxir das improvisacións e actuar segundo un criterio e un cronograma axeitado. Un Plan de Mobilidade é a ferramenta que nos permitirá detectar as deficiencias e marcar unha estratexia de actuación para mellorar os itinerarios peonís, e que os espazos públicos sexan realmente espazos amables”.

O obxectivo, segundo o rexedor, Carlos Gómez, é “iniciar os pasos para adaptar a contorna urbana de Baiona ao século XXI, para o cal é fundamental desenvolver un Plan Estratéxico en materia de mobilidade e accesibilidade que nos permitirá, por una banda mellorar e ampliar os proxectos de humanización de rúas e prazas, e por outra, o acceso a fondos europeos para o seu desenvolvemento”.