“O PSOE de Gondomar rexeita establecer axudas aos autónomos, pemes e familias vulnerables”

O Pleno da corporación municipal rexeitou unha moción para establecer axudas e reducións de varios impostos aos autónomos, pemes e familias vulnerables de Gondomar grazas aos votos en contra dos concelleiros do PSOE. A moción foi presentada polo Partido Popular de Gondomar no pleno extraordinario do pasado luns 18 de xaneiro solicitado por toda a oposición e convocado polo secretario municipal ante a negativa de Paco Ferreira a convocalo, despois de que non se puidera debater no pleno de decembro. En concreto, os populares pedían que o goberno municipal iniciase os trámites necesarios para a creación dunha liña de axudas para os autónomos e pemes que se viron obrigados a paralizar a súa actividade comercial/laboral con motivo do Covid-19, atendendo tamén ás familias vulnerables. Tamén solicitaban a modificación das ordenanzas fiscais necesarias para a aplicación de bonificacións nos impostos do IBI, IAE, así como na rodaxe para os taxistas. Outras medidas solicitadas eran a redución das taxas de recollida de lixo, saneamento, concesión administrativas e servizo de auga.

O alcalde Juan Francisco Ferreira argumentou que xa estaban facendo cousas para axudar aos comerciantes e autónomos desviando as competencias ao goberno autonómico, evitando os verdadeiros motivos polos que non adoptou ningunha medida de axuda os sectores afectados. Para Paula Bouzós “o alcalde enganou á asociación de empresarios logo de que na reunión celebrada o pasado 27 de novembro prometéralles que ía levar ao pleno de xaneiro as bases das axudas aos hostaleiros e taxis para logo anunciar que iría ao pleno de febreiro. Agora o que quere é enganar a todos os veciños de Gondomar”.

Ante a petición da concelleira de Comercio, Rocío Goberna, para que os membros da oposición deberían entregar as indemnización dese pleno para axudar aos hostaleiros, Paula Bouzós contéstalle que “si lera a solicitude de pleno presentada por rexistro xa tería que saber que todos os concelleiros da oposición incluíron nesa solicitude que as indemnizacións que cobrarán por ese pleno ían ser doadas a entidades sociais que cada un estime, como xa fixeron os membros do PP polas asistencias cobradas durante o confinamento do pasado ano”.

Paula Bouzós recordoulle que no pleno de xullo do pasado ano, o Partido Popular presentara unha moción na que pedía a creación da Comisión Especial para a Recuperación Económica derivada do Covid-19, e propuña un paquete de medidas a executar polo Concello de Gondomar entre as que se atopaban a redución de varias taxas. Esta moción foi rexeitada cos votos do PSOE, despois de que o alcalde pedira que quedase sobre a mesa, porque segundo el, había medidas que xa estaba estudando a interventora e que en setembro íase constituír unha comisión que aparte da reconstrución económica ía engadir o medio-ambiente, a saúde, etc. “Seis meses despois non se sabe nada de todo iso e as consecuencias estanas pagando os veciños, autónomos e pemes de Gondomar”.