O Vigo-Rías Baixas refórzase para a montaña con Ander del Castaño

A cuarta fichaxe do Vigo-Rías Baixas para a tempada 2021 non só é un dos mellores escaladores do pelotón elite-sub23, senón tamén un excepcional exemplo de superación e de paixón polo ciclismo. Ander del Castaño, corredor que en 2017 sufriu un gravísimo atropelo que o mantivo durante catro días na UCI, incorpórase á estrutura presidida por José Luis Chamorro para seguir buscando unha oportunidade no campo profesional. O ciclista de Getxo procede do Baqué Team.

A proxección deste biscaíño de 22 anos viuse truncada na súa primeira campaña como sub23, cando militaba no Quick Step- Telco’m-Gimex. Un coche arroiouno durante un adestramento, un accidente que fixo temer pola súa vida. Durante un mes non se puido mover da cama e chegou a pesar 40 kg.

Lonxe de colgar a bicicleta, Del Castaño regresou á competición ao ano seguinte. Desde entón defendeu as cores do Supermercados Froiz e do Baqué Team, asinando resultados tan interesantes como un segundo posto na etapa raíña da prestixiosa Volta a Castelló 2018, mesma posición que ocupou nunha xornada da Volta a Portugal do Futuro 2019. Trátase dun habitual no top-10 das carreiras máis duras da categoría.

Pola súa condición de escalador puro, o getxotarra aspira na nova tempada a “facer unha boa xeral na Copa de España, apuntando ás dúas ou tres citas que mellor me van, e estar o máis arriba posible nas voltas”. Del Castaño pretende “ser o máis regular posible para poder ter as miñas oportunidades” e consciente das súas características sinala que “o teño bastante difícil para gañar carreiras dun día, por iso adóitome marcar máis como obxectivo as voltas, que é ao final onde máis cómodo atópome”.

O Vigo-Rías Baixas anunciara anteriormente outros tres reforzos: Max Williamson, Anxo Maneiro e Miguel Ángel Fernández. A directiva ten pechado unha cuarta fichaxe e non descarta potenciar aínda máis o seu persoal nas próximas semanas.