O BNG lamenta que a actitude irrespectuosa do Alcalde de Gondomar tensione unha vez máis as sesións plenarias

A oposición de Gondomar, diante da falta de respecto a unha concelleira por parte do Alcalde, abandonou o pleno municipal extraordinario celebrado na mañá deste luns a instancias da propia oposición. “Vostede non sabe nin o que presenta, vostede presenta o que lle escriben”, esta é a frase que lle espetou Ferreira á Portavoz Municipal do PP, Paula Bouzós, no debate dunha moción por ela presentada.

Ante esta nova falta de respecto por parte do Alcalde a unha integrante da corporación municipal, a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez, solicitoulle que retirara esas palabras para poder continuar co pleno. Ferreira lonxe de se retractar, apagoulle o micro á concelleira nacionalista por non estar en uso da palabra e recriminoulle que a concelleira Bouzós podía defenderse soa.

A voceira do BNG é consciente de que a representante do PP é sobradamente capaz de se defender, mais afirma que “ante as reiteradas faltas de respecto do Sr. Alcalde, a ferramenta que nos queda é a solidariedade”. Desde o BNG lamentan que o realmente grave é que o Alcalde non se percate de que neste tema o importante non é quen defenda a quen, o grave é que faga falta defenderse.

Ante esta nova mostra da actitude prepotente por parte do rexedor de Gondomar, toda a oposición decidiu abandonar o pleno como forma de protesta, agás o concelleiro de Ciudadanos, Manuel Gómez.