A plantación de sequoias máis grande da península ibérica está no Galiñeiro

A Comunidade de Montes de Vincios, seguindo co desenvolvemento do proxecto “Vincios Verde”, rematou estes días a plantación de 6 hectáreas e máis de 1200 árbores da especie Sequoia Sempervirens, dando un paso máis nos seus obxectivos de recuperar o monte queimado no ano 2017. Facendo así un monte multifuncional con retornos escalonados dos investimentos, os nenos e nenas que hoxe fillos de comuneiros serán os xestores do futuro e pensando neles e nas vindeiras xeracións faise esta repoboación.

“Estamos creando un monte ‘mosaico’ con discontinuidade vexetal en caso de lumes, e facendo ao mesmo tempo barreiras naturais contra eses lumes, dadas as características da propia sequoia cunha casca que a protexe dos incendios a partires de certa idade. A madeira da sequoia é de alta calidade e de alto valor, empregada tanto para exterior coma para interior na construción. O uso de materias renovables é fundamental para o futuro do planeta tal e como o coñecemos, e o compromiso da nosa Comunidade de Montes co medio ambiente, o clima, e a produción alternativa están na nosa folla de ruta”, sinalan desde a Comunidade de Montes de Vincios.