A AVTG solicita unha entrevista coa empresa Lugove para trasladarlle as súas demandas

A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar (AVTG), como entidade coñecedora da realidade e das necesidades do servizo de transporte público interurbano de viaxeiros do concello, vén de solicitar unha entrevista coa xerencia da UTE Lugove, concesionaria do servizo de transporte nesta zona, co fin de lle trasladar de primeira man as súas demandas de mellora no mesmo.

Entre as propostas a trasladar á operadora están: o establecemento dunha conexión de todas as parroquias entre si e coa Vila, con frecuencias e paradas axeitadas ás distintas necesidades (horarios de centros médicos, de ensino, de servizos, de ocio), podendo incluír paradas a demanda, e que combine os horarios de chegada á estación de autobuses para que sirva de enlace e transbordo coas liñas interurbanas; o funcionamento tamén na fin de semana e no verán da liña circular ao Val Miñor (só está prevista para os días de semana no inverno); a creación de liñas de comunicación cos polígonos industriais (Porto do Molle, A Pasaxe, PTL Valadares) en horarios de quendas de traballo; o incremento de frecuencias en fin de semana e días festivos; ou o estudo da mellora das frecuencias de ida e volta entre Gondomar e Vigo, no camiño de estar conectados cada media hora coa metrópole.

A voceira da AVTG, Manuela Rodríguez, que xa contactou en varias ocasións coa dirección da empresa por vía telefónica, manifesta que “é agora, no inicio da implantación das novas liñas, o mellor momento para negociar e introducir melloras e modificacións na procura de que o servizo sexa o máis aproximado ás necesidades da veciñanza de Gondomar”. Mais engade, “a pesar de que, de inicio, a empresa manifesta boa disposición para chegar a acordos, na Asemblea Veciñal somos conscientes de que algúns cambios deben contar coa autorización da Xunta e agardamos non termos atrancos por esa parte”.

Nese sentido, a AVTG lamenta que o presidente da Xunta aínda non dera resposta á carta que lle enviaron o pasado 31 de decembro solicitándolle a inclusión inmediata do Concello de Gondomar no Plan de Transporte Metropolitano desde o inicio do ano 2021, para que a súa veciñanza poida dispoñer da tarxeta metropolitana e así beneficiarse dos descontos no importe dos billetes e da gratuidade para as menores de 21 anos.

Tampouco respondeu o Alcalde de Gondomar, do que solicitaban a convocatoria urxente dunha reunión coa AVTG para poder traballar en colaboración colectivos de usuarios, empresa concesionaria e institucións. “A AVTG non pode agardar a que o Sr. Ferreira decida ter un oco na súa axenda. Por iso solicitamos directamente a reunión coa empresa adxudicataria do transporte, para non perdermos a oportunidade de incidir na mellora da mobilidade da veciñanza, e agardamos poder celebrala á maior brevidade posible”.

Por ultimo, ante o coñecemento de que algunhas persoas usuarias teñan gritado e mesmo insultado a condutores/as das novas liñas polas deficiencias na implantación do servizo, a AVTG aclara que en ningún caso son persoas integrantes deste colectivo e condena este tipo de comportamentos que nunca, nunca, teñen xustificación.