Podemos Nigrán solicita o cribado masivo na localidade e a aplicación de medidas adicionais

Debido ao preocupante e elevado aumento de casos positivos de Covid-19 en Nigrán nesta última quincena, froito das ineficientes medidas por parte da Xunta de Galicia, a formación violeta solicita tests de cribado masivo no municipio como os xa realizados nos municipios contiguos.

A incidencia de contaxios situada en máis dos 250 casos por 100.000 habitantes, nivel máximo de risco, presupoñen que é de máxima urxencia que o Concello inste ao Sergas a realización deste procedemento para coñecer o alcance real da pandemia na localidade.

Engadido a isto, e tendo en conta as competencias locais, solicitan ao Concello a aplicación doutras medidas adicionais que poidan frear os contaxios, como a desinfección de rúas e parques, así como o reforzo do servizo de limpeza nos centros educativos, ampliando para isto o gasto municipal que fose necesario.