Gondomar contará con dous novos transformadores para previr cortes na subministración eléctrica

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reuniuse con responsables da compañía UFD, distribuidora do grupo Naturgy, para analizar os problemas rexistrados este Nadal, debido aos cortes na subministración eléctrica durante horas no municipio, así como estudos de futuras accións encamiñadas a buscar unha solución a estes problemas. A compañía é consciente do sucedido e estudará todas e cada unha das reclamacións presentadas pola veciñanza.

Na reunión o alcalde mostrou a súa preocupación polo sucedido e trasladou o malestar xeneralizado dos afectados en días tan sinalados e fríos como os ocorridos este Nadal, ao delegado provincial da distribuidora, Francisco Ramos, e ao xefe de operacións da Zona Sur, Marco A. Gelpi. No encontro tamén participou o Presidente da Entidade de Morgadáns, Alfonso Misa, unha das parroquias máis afectadas pola falta de subministración eléctrica o día de Noiteboa.

Francisco Ramos, Delegado Provincial de UFD, Distribución e Eléctrica S.A, comprometeuse a atender as reclamacións presentadas, como consecuencia das deficiencias e cortes de subministración na cometida e tendido, así como a estudar e evitar en diante o ocorrido. Para iso a compañía reforzará a potencia eléctrica en todo o municipio, instalando dous novos transformadores na parroquia de Peitieiros, concretamente nos barrios de Fonte e Peroleira, respectivamente. Desta maneira quedará garantida a subministración eléctrica en todo o termo municipal a curto e longo prazo; xa que os transformadores fornecerán unha potencia de 250 e 260 cáveas, respectivamente, que garantirá a dotación da subministración a fogares e empresas.

Un dos transformadores será instalado nesta primavera no barrio de Peroleira, ao contar coas autorizacións sectoriais preceptivas como a de Industria e Patrimonio e á espera de presentar unha documentación no Concello para a inmediata concesión da licenza municipal. O outro transformador situarase no barrio de Fonte, e está previsto que entre en funcionamento a finais de ano.

Por outra banda, o rexedor requiriu do responsable provincial a necesidade de soterrar as liñas e retirar os tendidos aéreos en todo o centro urbano e no barrio da Pedra (Morgadáns) que será recuperado e dotado doutros servizos polo Concello e Entidade, así como a reposición de postes e recolocación dos mesmos e reposición de tendidos que están en malas condicións e danadas por árbores, que tamén é necesario programar a súa talla ou poda para evitar futuros cortes da subministración en distintos lugares do municipio, concluíu o alcalde.