Ferreira asegura que non se contempla cobrar taxa pola utilización do Punto Limpo

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acusa a Antonio Araújo de mentir “por supervivencia e desesperación política”. “Xa nin lidera nin controla ao seu grupo, a concelleira Rocío Cambra desvinculouse del e votou abstención ao Regulamento do Punto Limpo”.

O rexedor afirma que no novo regulamento de funcionamento do Punto Limpo aprobado no Pleno con votos favorables do PSOE e Ciudadanos, e a abstención dunha concelleira de Manifesto Miñor, “rompendo Rocío Cambra a disciplina de partido, por algo sería, o que evidencia que Araújo non lidera nada en Gondomar”, non contempla cobrar taxa pola utilización do Punto Limpo, “xa que como é sabido para cobrar unha taxa esta deberá ser aprobada no Pleno mediante una Ordenanza Fiscal. Dita ordenanza non existe, polo tanto a taxa tampouco”.

Ferreira destaca que este Regulamento era unha necesidade “para mellorar o funcionamento das instalacións, que foron notablemente reformadas, ampliadas e melloradas como é ben sabido: novas instalacións para os RAEEs, auga, saneamento, videovixiancia, accesibilidade, seguridade, etc”.

“Curiosamente este Regulamento vén a substituír o anacrónico e ineficaz regulamento aprobado polo Sr. Araújo no 2008, quen mantivo as instalación durante anos inoperantes, insuficientes, sen servizos de auga e saneamento nin para usuarios como empregados, ademais de ser quen de abrilo sen licenza nin autorizacións sectoriais e deixándonos por 30 anos un aluguer polo terreo que pagamos mensualmente á Comunidade de Montes de Vincios de 1.200€ por 800m2 de terreo útil; esa é a xestión lamentable de quen agora critica por envexa as novas instalacións e o novo servizo”, engade o alcalde.

Segundo Ferreira, nunca Gondomar contou cun servizo de RSU como o de agora, nin nunca se fixo tanto en políticas de reciclaxe, medio ambientais ou de transición ecolóxica, “así o recoñece a veciñanza de Gondomar, agás aqueles que teñen a venda política diante dos ollos e que non lles deixa ver a realidade social dos feitos. Que falla facía un Punto Limpo na política”, concluíu o rexedor, en alusión a Antonio Araújo.