Sin categoría

Unha propietaria de Vincios denuncia o corte do seu garaxe

Para unha propietaria dun inmoble en Vincios a realidade supera a ficción tras comprobar, incrédula, como cortaron parcialmente un garaxe de máis de 20 anos de antigüidade con radial e que segundo asegura pertence á súa propiedade. A afectada, María Fernanda Fernández, explicou que os feitos comezaron a producirse no mes de novembro de 2020 tras detectar que estaban a levar a cabo un retranqueo nun acceso deixando sobre o camiño parte do garaxe.

Posteriormente marcárono cunha liña lonxitudinal realizada con pintura fluorescente e poucos días despois, como por encantamento, a zona que invadía o redimensionado camiño desapareceu para asombro da denunciante ao comprobar como recolocaron todos os elementos da edificación incluído o portal.

Segundo explica, ao residir en Canarias, resultoulle imposible presenciar todo o proceso e foi unha familiar directa a que lle comunicou a intención e posteriores feitos que se evidenciaron con probas fotográficas. Os intentos por paralizar o evidente foron inútiles e mesmo enviou a data 3 de decembro un burofax ás persoas que considera presuntas autoras dos feitos aínda que sen éxito. A pesar de que todo apuntaba a un posible conflito de lindes, a afectada asegura que non é así presentando como proba planos tanto do catastro como do rexistro onde o ben modificado figura dentro do solar da súa propiedade, que herdou do seu pai falecido en 2014.

Os problemas comezaron tras a venda de parte do terreo, parcelado previamente, polo que pasa unha vía de servidume que se obviou nas novas escrituras ao atoparse o inicio e final do mesmo dentro do propio terreo.

Co camiño visiblemente ancheado, formigonado e o seu garaxe reducido a pouco máis de dous terzos do tamaño orixinal, a afectada témese que a cousa non acabará aquí ao recibir a chamada do seu familiar alertándoa de novos movementos. Nesta ocasión a colocación dun cordel delimitando as propiedades pódese entender cunha referencia para levantar un muro de nova construción que de ser así, tapiaría a entrada do garaxe deixándoo inservible.

Este feito motivou o desprazamento dunha patrulla da Policía Local para deixar constancia, o sábado, por segunda vez do sucedido, a primeira foi o 29 de decembro.