Os Reis Magos chegan hoxe ás parroquias de Baiona

Os Reis Magos visitarán este luns, día 4 de xaneiro, as parroquias de Baiona. Na folla de ruta das súas maxestades para este día figuran as seguintes visitas: á parroquia de Baredo de 17:00 a 18:00 horas (Cruceiro en Barrio Cancelo), a Fontes-Baíña (concretamente á rotonda do CEIP Fontes-Baíña) de 19:00 a 20:00 horas, a Belesar (chaira do CEIP de Belesar) de 17:00 a 18:00 horas e a Sabarís (na Praza Victoria Cadaval) de 19:00 a 20:00 horas.

A Comitiva Real estará en cada un destes puntos fixos das parroquias. En cada carroza (unha plataforma de 9 metros) estarán as súas Maxestades Reais chegados de Oriente e 2 paxes acompañándoos por se os nenos queren achegar as súas cartas. En todos os puntos crearase un corredor para que os nenos poidan velos e achegarse sen risco nin para eles nin para os Reis. Non se poderá subir aos tronos dos Reis, as cartas entregaranllas aos paxes, que obsequiarán cunha bolsa de caramelos a todos os nenos que se acheguen.

Manteranse sempre todas as medidas de seguridade ditadas polo protocolo COVID.

En Sabarís cortarase a Avda. Julián Valverde entre o cruzamento de Victoria Cadaval e Benito Fariñas desde as 18:30 ata as 20:00 horas para que os nenos desde a praza poidan ver ás súas Maxestades os Reis Magos de Oriente.

A tarde do 5 de xaneiro as carrozas colocaranse no Parque da Palma, onde as persoas interesadas poderán visitalas entre as 17:00 e as 21:00 horas.