Un mozo gondomareño, entre os protagonistas da última película de Dani de la Torre

FOTO: ATRESMEDIA CINE // Javier Casellas, Adrián Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo e David Rodríguez xunto co director Dani de la Torre.

A historia do gondomareño Javier Casellas non puido empezar mellor. Sen ter nocións previas nin relación ou experiencia algunha no mundo da interpretación, pasou da nada ao todo dando o salto á gran pantalla como debutante na película rodada en diferentes puntos de Galicia polo director Dani de la Torre. Para o novo actor gondomareño de 16 anos de idade a experiencia vivida en “Live is Life” tras tres meses afincado en Monforte de Lemos foi algo inesquecible e de feito quere repetir. Nunha primeira toma de contacto chama a atención a súa naturalidade e humildade á hora de responder a calquera pregunta e ten soltura. Aínda que os seus pais empéñense en dicir que é parco en palabras, ten algo que o fai singular fronte ao resto e quizais isto foi o que chamou a atención do equipo de selección.

A pesar de ter un comezo inmellorable, Casellas afirma ter os pés na terra aínda que nun principio pensaba que todo ía resultar máis sinxelo. “A verdade que ao arrancar sentinme un pouco perdido, porque fóra doutro compañeiro o resto xa tiña experiencia previa”, engade. Lonxe de amedrentarse tras a primeira toma de realidade, o novo actor que na longametraxe con guión de Albert Espinosa interpreta a “Garriga”, un dos cinco protagonistas que forman a cuadrilla de amigos sobre a que xira a historia, sacou peito e seguiu adiante ata o final. Agora ten claro que a súa vocación é a da interpretación. Javier estuda no instituto Terra de Turonio e non se considera un alumno exemplar, o que non lle impediu aprenderse o guión nun dicir amén para asombro dos seus pais alegando un “claro, porque isto gústame”. De feito na actualidade está a formarse nunha escola especializada do sector. “Hai moita xente que busca os making of pero é que eu sen querelo vivino en primeira persoa. Para min non ten prezo”, manifesta.

A súa historia comezou competindo contra adolescentes de idades comprendidas entre os 13 e os 17 anos no primeiro casting celebrado a finais de novembro de 2019 no Auditorio Municipal de Nigrán, ante unha primeira xornada de filtros maratoniana de máis de cinco horas de duración. “Cheguei ás 16 horas e saín de alí ás 22, a verdade que non pensaba que me seleccionarían de ningunha maneira. Tiña mozos ao meu lado que ían con representante e todo!”, salienta. Tras pasar o primeiro proceso tivo que volver repetir outra selección na Escola de Formación de Actores en Vigo, unha terceira en Santiago e finalmente en Madrid.

Agora, case tres meses despois de finalizarse a rodaxe, Javier espera impaciente á estrea prevista para este ano pero sen saber de certo que sentirá ao verse retratado na gran pantalla encarnando a outra persoa. “Adóitanme gravar co móbil facendo bromas pero a verdade que non teño moi claro o que vou sentir, porque unha cousa é o teléfono e outra moi diferente é o cinema. Co traballo rematado, a experiencia vivida ademais de servirlle para descubrir a súa vocación valeulle para facer amigos cos que segue mantendo o contacto.

“Live is Life” comezou a súa rodaxe o pasado mes de agosto e estendeuse durante sete semanas e media, na súa gran maioría en localizacións únicas e especiais de Galicia centrándose especialmente na Ribeira Sacra. Con localizacións en Lugo, incluíndo Pantón, Sober, Quiroga, O’Saviñao e Monforte de Lemos, cidade natal de Dani de la Torre; e Esgos, en Ourense. Ademais, parte da rodaxe tamén tivo lugar en Barcelona.

SINOPSE

Verán 1985. Como cada ano, Rodri deixa Cataluña e volve ao pobo galego dos seus pais para reencontrarse coa súa cuadrilla. Con todo, este ano é distinto para el e os seus amigos. Os problemas do mundo real empezan a aparecer nas súas vidas ameazando con separarlles. Aferrándose á amizade que lles une, os cinco amigos planean escaparse a noite de San Xoán en busca dunha flor máxica que, segundo conta a lenda, crece no alto dunha montaña e pode facer que os desexos se fagan realidade. Porque o seu único desexo agora é resolver o problema do seu amigo en apertos e con iso poder seguir xuntos. Unha aventura que lles fará crecer a través dun fascinante camiño cheo de acción, emoción e esperanza, e que lles deixará no recordo para sempre aquel verán no que de fondo soaba “Live is Life”.

Detrás do proxecto atópanse os produtores Atresmedia Cine, coa colaboración de Buendía Estudios, 4 Cats Pictures e Live is Life AIE. Warner Bros. Pictures España será a encargada de distribuír a película en salas españolas en 2021.

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Javier Casellas de Morgadáns interpreta a “Garriga” en “Live is Life”.