O Concello de Nigrán e a ONG Igaxes abren ata o 10 de xuño o prazo de inscrición no torneo de fútbol-praia “Stop Odio” de Brais Méndez o 15 e 16 de xuño en Praia América-Lourido. Este está dirixido a categorías infantil (nados en 2010 e 2011) e cadete (nados en 2008 e 2009) e a inscrición debe realizarse a través dun formulario web a través de http://www.igaxes.org.
“Agardamos que se apunten moitos equipos de toda Galicia neste torneo contra o odio que estamos especialmente orgullosos de coorganizar con Brais Méndez e Igaxes”, apunta o alcalde, Juan González.
O futbolista galego Brais Méndez, xogador da Real Sociedad que como futbolista profesional sufriu e viviu en primeira persoa ataques e insultos nos estadios de fútbol, lidera esta iniciativa nun esforzo por combater o odio na sociedade e promover valores de respecto e igualdade. IGAXES, cuxa misión é asegurar que ningunha nena, neno ou persoa moza teña que renunciar ao seu futuro por razón de pobreza ou exclusión social, acompaña xunto ao Concello de Nigrán ao futbolista nesta campaña Stop Odio.
No marco desta alianza, organizan unha serie de accións: conversas entre Brais Méndez e persoeiros destacados da cultura e o deporte, obradoiros de sensibilización contra o odio en escolas e clubs deportivos, así como este torneo de fútbol praia.
A ONG IGAXES, Brais Méndez e o Concello de Nigrán convidan a toda a comunidade a participar e a unirse na loita contra o odio e a exclusión social. Detectar o discurso de odio e facerlle fronte, fomentar a empatía, evitar a linguaxe ofensiva, facer un uso responsable das redes sociais e participar na construción dunha sociedade máis inclusiva son algunhas das accións que cada individuo pode fomentar.

