Sin categoría

Gondomar estuda solucións para a súa depuradora

As inundacións en Gondomar son unha constante que se repiten ano tras ano aínda que aquí a peor parte lévalla a Estación de Augas Residuais, EDAR, que coa crecida do río esta desbórdase e bota gran parte das fecais sen tratar ao leito do Miñor. A pesar de que conta cunha capacidade de cobertura para 24.000 habitantes, os problemas de rendemento que sofre a infraestrutura son constantes.

O alcalde Paco Ferreira considera que a situación cesaría coa ampliación das instalacións pero tamén cunha auditoría do saneamento que, aínda que é independente ao aumento no rendemento da EDAR, cre que axudará en gran parte a optimizar o servizo. “É importante telo todo inventariado xa que falamos dun sistema con décadas de antigüidade”, engade. De feito, o estudo xa está en curso e as primeiras conclusións obtidas tan só nunha pequena parte do armazón de tubaxes que se estenden ao longo de 7 quilómetros son esclarecedoras. Entre as principais incidencias destacan roturas en colectores, filtracións de pluviais á rede e conexións irregulares ao servizo, que en moitos casos non están realizados correctamente afectando negativamente o rendemento.

Ademais os colectores fabricados en fibrocemento están moi anticuados, con gretas por onde se coan as raíces das árbores obstruíndo o seu caudal. Ferreira conta con que o informe estea rematado ao longo do primeiro semestre de 2021 e foi contratado a unha empresa externa como obra menor, o que implica que o seu custo en ningún momento pode exceder dos 15.000 máis IVE. A iniciativa exposta polo rexedor é unha mostra de colaboración entre administracións que se suma á construción dun novo tanque de decantación proposta por Augas de Galicia na EDAR, e que permitiría dar servizo a 50.000 persoas. O Concello pola súa banda deu o seu visto e prace e só tería que ceder os terreos sobre os que se estendería o anexo ao complexo existente situado a moi poucos metros do leito fluvial, que desemboca no estuario da Foz. Polo momento están á espera da memoria do proxecto para saber canta extensión de terreo é a que necesitan para comezar coas obras de ampliación da depuradora. Unha vez que o reciban de mans da Xunta deberán de estudar as fórmulas de adquisición das parcelas sen descartar as expropiacións “como última vía”. “Aínda non temos prazos pero a intención é que a iniciativa se formalice canto antes”, explica.

O inventariado e auditoría da rede estenderase pola infraestrutura troncal de saneamento que rolda os sete quilómetros de lonxitude, ata o parque empresarial da Pasaxe, pero segundo explicou “o ideal é que chegue ata a altura de Fraga”. Deste xeito saberán con exactitude cantos enganches pertencentes a núcleos de Vigo utilizan a rede de Gondomar. “Sabemos que parte do CUVI acaba en nosa EDAR, ademais de Zamáns e Valladares, o que conleva máis esixencias no rendemento das instalacións de depuración”, finaliza.