Ángel Maneiro pásase á estrada co Vigo-Rías Baixas

Un especialista en ciclocrós e en BTT penétrase no ciclismo de estrada da man do Vigo-Rías Baixas. O sub23 Ángel Maneiro convértese na segunda fichaxe da estrutura presidida por José Luis Chamorro para a tempada 2021. Antes de poñerse ás ordes de Marcos Serrano, o ciclista de Noia disputará a próxima fin de semana o Campionato de España de Ciclocrós coa camisola da Selección de Galicia.

Gañador esta campaña da xornada da Copa Galicia de Ciclocrós celebrada no Porriño e subcampión autonómico na modalidade invernal, Maneiro desexa probarse sobre o asfalto. “A miña experiencia no ciclismo de estrada limítase a algunha carreira como júnior porque a miña prioridade ata o de agora fora a bicicleta de montaña”, sinala o corredor que procede da Peña Ciclista Toxo.

O noiés, de 19 anos, decidiuse polo Vigo-Rías Baixas para iniciar esta nova etapa porque “se trata duns dos mellores equipos de Galicia e tamén de España. Está a apostar moi forte pola canteira e o futuro do club é prometedor”. Maneiro quere ir con calma e no seu primeiro ano no pelotón elite-sub23 espera “aprender todo o posible formando parte deste gran equipo”.

Con esta incorporación o conxunto flúor contará en 2021 con sete ciclistas galegos nas súas filas, practicamente a metade do persoal. Entre os novos compañeiros de Maneiro está Jorge Fernández, con quen compartiu podio sub23 en todas as citas do calendario autonómico de ciclocrós. O corredor vigués, do mesmo xeito que André Taboada, ascendeu desde a formación júnior ao primeiro equipo do Vigo-Rías Baixas.

O capítulo de altas da entidade con sede na cidade olívica abriuse durante o outono co acordo alcanzado con Miguel Ángel Fernández, o velocista cántabro que o pasado ano competiu no campo profesional. A directiva encabezada por José Luis Chamorro pechou outros tres fichaxes que irá desvelando ao longo deste mes de xaneiro.