Manifesto Miñor levará a pleno os abusos reiterados das eléctricas á veciñanza de Gondomar

Manifesto Miñor presentará ao Pleno da Corporación Municipal de Gondomar unha moción sobre os abusos reiterados das eléctricas á veciñanza do municipio, na que propón coa máxima urxencia, sacar a concurso público a subministración da corrente eléctrica consumida polo Concello, incluíndo nas bases que rexan o prego de condicións do devandito concurso, cláusulas que penalicen o deficiente subministro, tanto para o Concello como para o conxunto da veciñanza de Gondomar.

“Na pasada Noiteboa (sen mal tempo que o xustificase) pero xa antes e tamén despois, coma se fora unha burla deseñada a mantenta, centos de veciños de Peitieiros, Morgadáns, Couso, etc, tiveron que alumear as súas ceas de Nadal, este ano especialmente tristes polas circunstancias da Pandemia, con candeas: cociñar a gas ou con leña (quen puido), ou simplemente verse privados de poder falar cos seres queridos na distancia por falta da subministración eléctrica”, lamenta Antonio Araújo.

Para Manifesto Miñor, a triste realidade dunha rede eléctrica precaria e insuficiente adornada coa pasividade dos diferentes gobernos instalados nas institucións, e que non van máis alá dos golpes de peito ou das grosas declaracións que só valen para dar titulares de prensa, volveu poñer a Gondomar no S. XIX, no canto do XXI no que supostamente vivimos. “Se cadra esta situación tereceiro-mundista xunto con recibos da luz abusivos, ten que ver con que os consellos de administracións das eléctricas están cheos de ex ministros (portas xiratorias) de todas as cores políticas”.

“Unha vez máis dende a base da sociedade e a representatividade que nos outorga o feito de sermos concelleiros , temos a obriga moral e política de defender á veciñanza de Gondomar contra este tipo de abusos. A maiores dos trámites e denuncias que se poidan facer dende o Concello, a realidade dos feitos demostra que os resultados prácticos son máis ben escasos”, engade Araújo. Dende o Grupo Municipal de Manifesto Miñor-En Marea entenden que chegou o momento de usar as ferramentas legais e de presión que o Concello ten na súa man.

“Se temos en conta que a facturación por consumo eléctrico dos alumeados públicos, instalacións municipais de todo tipo, colexios públicos, etc, pasa dos 300.000 €/ano, o Concello como grande consumidor que é, debe facer valer esta circunstancia en favor da veciñanza, comezando por sacar a concurso público a subministración eléctrica que neste momento está nas mans maioritariamente da empresa Naturgy. A este respecto as posibilidades existentes son variadas e moitas delas xa están funcionando en diferentes concellos do Estado”, conclúe Araújo.