550.000 quilos de alimentos recadados, cifra total e definitiva da primeira Gran Recollida Virtual

Unha vez finalizado o cómputo total das achegas dinerarias rexistradas durante o desenvolvemento da primeira Gran Recollida Virtual da Fundación Provincial Banco de Alimentos, recadáronse en total 550.000 quilos de comida, cifra histórica e sen precedentes nos 25 anos de actividade humanitaria da entidade.

Cando se cumpre pouco máis dun mes da celebración da devandita acción social, a de maior envergadura, desde a ONG quérese agradecer publicamente a xenerosidade e o compromiso de todos e cada un dos doantes demostrando a súa empatía coas persoas máis desfavorecidas e que creceron exponencialmente polo estalido da pandemia. “Damos as grazas á cidadanía por poñerse unha vez máis na pel dos beneficiarios da nosa axuda básica, sentímonos atafegados pola resposta solidaria de vigueses, pontevedreses e residentes en todas as comarcas da provincia porque todos a un tempo lograron 550.000 quilos de alimentos, inimaxinables”, manifesta o presidente do Banco de Alimentos, Pedro Pereira.

Precisamente, eses 550.000 quilos totais de alimentos recadados tradúcense “nun colchón importante” de produtos básicos para os almacéns tanto de Vigo (Lavadores) como de Pontevedra (Faustino Santalices). Prevese ter comida suficiente, polo menos, ata pasada a primavera de 2021.

Así mesmo, o máximo responsable da entidade quere destacar “a implicación e profesionalidade” mostrada por parte dos preto de 200 voluntarios mobilizados nos supermercados da provincia durante eses días da Gran Recollida Virtual, desenvolvendo un labor informativo in situ “impecable” e nunca antes desenvolvida.

“Non era tarefa fácil este ano ser voluntario da Gran Recollida polo labor completamente novo que levaron a cabo. A pandemia obrigounos a reinventarnos nun tempo récord, non puidemos recoller alimentos físicos, pero sabemos que unha boa parte do exitazo desta campaña foi grazas a eles, pola súa boa disposición e traballo”, destaca emocionado Pereira.

De carácter apolítica e aconfensional, a Fundación Provincial Banco de Alimentos, creada en Vigo hai 25 anos e con delegación en Pontevedra desde 2014, viu incrementadas as peticións de axuda nun 40 por cento desde que comezou a pandemia. Durante o primeiro semestre deste 2020, a entidade repartiu a nivel provincial, un total de 1.001.425 quilos de comida cubrindo así o 35 por cento das necesidades dos seus destinatarios.

O Banco de Alimentos, que entrega comida a 150 ONG na provincia, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta.