O gondomareño Ricardo Buba proclámase subcampión galego de ciclocrós

O ciclocrós galego conseguiu o que hai uns meses semellaba unha utopía debido á crise sanitaria provocada pola covid. Aplicando estritos protocolos e grazas ao esforzo de todos os estamentos, en pouco máis dun mes logrou celebrar cinco xornadas da súa Copa e o campionato autonómico. Este calendario “expréss” e adaptado ás restricións da pandemia concluíu este domingo no Club de Campo de Ferrol.

Esta atípica tempada presentou complicacións ata a última cita. O Club BTT Esmelle, organizador do Campionato de Galicia, decidiu adiantar o horario de varias carreiras para evitar a alerta laranxa por fortes ventos decretada a partir das 15:00 horas. O cambio permitiu que as competicións se puideran disputar con normalidade. A chuvia non fixo acto de presenza e a escaseza de barro provocou que os treitos de subida marcasen as diferenzas nun circuíto de perfil duro.

O gondomareño Ricardo Buba (Coruxo), foi segundo na categoría júnior, completando as cinco voltas nun tempo de 39 minutos e 27 segundos. O favorito non se deixou sorprender, Miguel Rodríguez (Ponteareas), que proclamouse campión con 33 segundos de vantaxe respecto ao ciclista de Gondomar. Fabián Rodríguez (Caimanes Betanzos), finalizou en terceira posición, cun tempo de 39 minutos e 7 segundos.

A carreira de cadetes masculina resolveuse na última volta con Héctor García (Poio Bike) acabando coa condición de invicto no calendario autonómico de André Martínez (Avanza) e xunto aos dous ciclistas que pelexaron polo triunfo subiu ao podio Tomás Pombo (3AG). O gondomareño Danny Jan Buba quedou cuarto.

As entregas de premios no podio contaron coa presenza de Antonio Golpe, concelleiro de Deportes de Ferrol, que acompañou aos representantes do Club de Campo, do Club BTT Esmelle e da Federación Galega de Ciclismo.