“Nunca nos cansaremos de agradecer a iniciativa de Isabel e Jose, son un exemplo para todos”

O Concello de Nigrán colaborou un ano máis coa Tapería Jose de Prado que, desde hai case unha década, prepara solidariamente o menú de Nadal para as persoas dependentes dos Servizos Sociais do Concello. Ata agora, o matrimonio composto por Jose e Isabel celebraba nas súas propias instalacións a comida do día 25 de decembro cunha media de 60 persoas en situación de vulnerabilidade, nesta ocasión, por protocolo sanitario, a parella preparou un menú “delivery” para unha cifra récord ata a data: 96 persoas (dos que 25 son menores) para algo máis de 30 familias de Nigrán, todos procedentes do listado elaborado desde os Servizos Sociais.

“O Covid aumentou o número de persoas en risco de exclusión social pero, sobre ademais, este ano apuntouse moita xente en situación de vulnerabilidade que prefire celebralo na intimidade da súa casa”, explica o alcalde, Juan González, quen repartiu persoalmente o menú entre unha ducia de familias sen medios para desprazarse ata a tapería. Igualmente, o Concello colaborou subministrando os envases e proporcionando diferentes produtos.

Jose e Isabel, de Tapería Jose, levaron o Premio Nigrán 2016 do Concello ao mérito Social polo seu traballo desinteresado, totalmente solidario, e que non só consiste na elaboración do menú, se non tamén no regalo de xoguetes e agasallos a cada comensal, así como achega de alimentos non perecedoiros, aspecto no que tamén colabora o Concello. Á súa xenerosidade súmase á de cada vez máis empresas e particulares que colaboran aportando produtos ou agasallos.

“Desde o Concello nunca nos cansaremos de agradecer a iniciativa de Isabel e Jose, son un exemplo para todos; en nome de toda a veciñanza, un ano máis, trasladámoslle a nosa admiración e respecto”, sinala González.