Sin categoría

A Garda Civil detén a dúas persoas e investiga a outras dúas por estafa e branqueo de capitais

O “Equipo @” da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, detén a dúas persoas e investiga a outras dúas, todos eles veciños de Almería, pola súa presunta implicación nun delito de estafa, por un importe de 76.000 € e branqueo de capitais. A investigación dá comezo por mor dunha denuncia formalizada por unha empresa radicada na localidade pontevedresa das Neves, tras sufrir unha estafa coñecida por “Business Email Compromise (BEC)”.

Esta estafa é unha forma de ciberataque que está deseñado para obter acceso á información comercial, mediante o envío de correos electrónicos, nos que o delincuente se fai pasar como titular dun importante posto de traballo, socio comercial, ceo, xerente ou outro posto dunha empresa, co fin de interceptar ou redireccionar transaccións financeiras para o pago neste caso de facturas emitidas pola empresa denunciante.

A operación denominada “LOSTWOOD” deu comezo no mes de maio do pasado ano, cando varias empresas clientes da empresa realizan distintos pagos de pedidos tanto desde España como de Portugal, en contas bancarias alleas á empresa denunciante. A liña de investigación desenvolvida baseouse na análise das contas de correo modificadas, datos técnicos de conexión, así como a rastrexabilidade de seguimento dos envíos das cantidades estafadas.

A complexa investigación tivo como resultado a recuperación dunha parte importante da cantidade estafada e a detención de dúas persoas de nacionalidade romanesa, así como a investigación doutras dúas de nacionalidade española, todas elas residentes en Almería. As dilixencias foron postas ao dispor do Xulgado de Instrución número Tres de Ponteareas.