
O Grupo de Apoio Val Miñor entregou onte a última doazón da súa campaña solidaria “Unha Caixa”, iniciada o pasado mes de Novembro. Nela solicitaron a doazón de xoguetes para os nenos da comarca que se atopasen en situación de vulnerabilidade.
Esta rede altruísta de veciños de Val Miñor, coa súa coordinadora Lupe Puga á fronte, conseguiu superar as súas expectativas, polo que diversificaron as doazóns en diferentes espazos como Taperia José, Servizos Sociais Concello de Nigrán, ACCEM VIGO, primeira acollida (ONG de axuda ao refuxiado) e particulares da comarca.
Tamén colaboraron coa campaña de recollida de xoguetes organizada polo club de fútbol feminino gondomareño Lóstrego CF.
Queren agradecer a todos os voluntarios e compoñentes do grupo que se implicaron nesta iniciativa, e noutras que se están levando a cabo, así como a todas as persoas e asociacións que colaboraron con doazóns, conseguindo que esta campaña saíse adiante.