Rosa e Fernando montan un ano máis o Belén na súa casa de Nigrán

Rosa e Fernando instalaron un ano máis na súa casa da parroquia nigranesa de San Pedro da Ramallosa, o seu tradicional Belén. Aínda que a Covid truncou as previsións de Rosa, que tiña intención de facelo aínda máis grande e con algúns cambios, non quixeron que este ano faltara a gran maqueta que cada Nadal ocupa o seu salón, iso si, cunha versión “reducida” e “para a familia”.

Nas noites do mes de novembro, durante un par de horas cada día, con mimo e agarimo Fernando prepara a base da gran maqueta do Nacemento de Xesús e Rosa coloca peza a peza, ocupando máis de 30 metros cadrados do seu salón. Este ano, debido á crise sanitaria, non se poderá visitar, pero non quixeron romper o que xa é unha tradición cada Nadal.

A Rosa sempre lle gustou, desde pequena, pero economicamente non se podía. Empezou pouco a pouco, cun Belén pequeno sobre un metálico de cama de 90. Pintaba as figuras en clases de manualidades e o seu amigo belenista Fernando Fernández Penedo, animouna a facelo máis grande. A partir de aí, coa axuda do seu marido, comezaron a tradición deste Belén de grandes dimensións que foi aumentando o seu tamaño ata chegar ao actual.

A gran maqueta inclúe un incalculable número de figuras e pequenos detalles, ademais de auga, luz, movemento e elementos de pedra, como un cruceiro, pontes, un castelo, fontes… Non falta o pesebre, os Reis Magos, mercadores, artesáns, muíños de vento, pirámides, e infinidade de animais, camelos, patos, vacas, cabalos, ovellas, cans, galiñas…

O Belén, que se converteu nun atractivo máis dos que ofrece o Nadal en Nigrán e no Val Miñor, non se poderá visitar este ano, polo que tan só poderao desfrutar a contorna familiar.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.