Sin categoría

Gondomar incluirá o novo skatepark nas súas escolas deportivas

A primeira xornada de apertura tras a finalización do skatepark de Gondomar non puido ir mellor e o pasado mércores o complexo apuntouse un tanto en canto a público e deportistas refírese. A pista da Coelleira de 550 metros cadrados xa é un feito e nela pódense practicar modalidades de BMX freestyle park, bicicletas, scooter, patinetes, skate, monopatín, roller park e patíns en liña. Precisamente un dos obxectivos expostos polo goberno local é o de incluír cursos de iniciación ás diferentes modalidades dentro do seu catálogo de escolas deportivas realizadas conxuntamente coa Deputación, e que este ano se cancelaron debido á crise sanitaria.

Polo momento os instruídos na materia aseguran que o de Gondomar ten moitas posibilidades aínda que hai que “rodalo” para puír o cemento, aínda así o alcalde Paco Ferreira adiantou que aínda queda traballo por facer. Contarán coa pericia do muralista local “Gory”, que se encargará de encher de vida os muros e ramplas do complexo a través da súa “arte” co spray. O pasado xoves reuniuse con Ferreira para puír flocos e estudar o lenzo sobre o terreo. Tamén axardinarán noiros, instalarán mobiliario urbano e acondicionarán o acceso ao parque da Coelleira.

“Para a súa construción contamos coa colaboración de dous deportistas, naturais de Vigo e Redondela, que contan con moita experiencia e se o tempo acompaña organizaremos unha exhibición en Nadal”, engade Ferreira. O rexedor destacou as calidades do emprazamento que en total esténdese ao longo de 35.000 metros cadrados. “É moi versátil porque o skatepark complementa as canchas de tenis, o campo de futbito, o de As Cercas e a zona verde”, finaliza.