Baiona elimina finalmente os tramos horarios para paseos e actividade deportiva desde este luns

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, informa a través dun Bando que a partir das 0:00 horas do 11 de maio de 2020 o Concello de Baiona entra na Fase I da desescalada do Covid-19, entrando en vigor estas medidas:

1. MOVEMENTO DE PERSOAS:

Desaparecen os tramos horarios para paseos e actividade deportiva non federada segundo o Art.5 da Orden SND/380/2020.
• Poderase circular pola provincia, sempre que sexa para realizar unha actividade permitida.
• Permitiranse grupos de ata 10 persoas (se foran conviventes non existirá tal límite).
• O uso da 2ª residencia está autorizado dentro da mesma provincia.
• Autorízanse velorios e enterros cun máximo de 15 persoas ó aire libre e 10 en lugares pechados (sen excepcións).
• Permítese a asistencia a lugares de culto, sempre que non supere 1/3 do seu aforo. O aforo deberá publicarse nun lugar visible.

2. COMERCIO:

Reapertura de establecementos de venda cunha superficie igual ou inferior a 400 m². Cumprindo as seguintes normas:

• 30% do aforo total.
• Garantir a distancia mínima de 2 m. entre clientes.
• Horario con servizo prioritario para maiores de 65 anos.

O mercado de Sabarís ao aire libre volverá a funcionar, de momento, só cos postos de produtos agroalimentarios.

3. HOSTALERÍA E RESTAURACIÓN:

• Poderán reabrir as terrazas coas restricións e medidas necesarias.
• A ocupación máxima será de 10 persoas por agrupación de mesas.
• O local e os traballadores deberán cumprir as medidas específicas indicadas para este tipo de negocio. Fomentarase o pago con tarxeta.

En todos os casos deberase respectar as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias. “Precisamos da máxima responsabilidade por parte de todas e todos”, recorda o alcalde.