Alberto Meira termina a tempada sobre o podio do Mariña Lucense

A cita viveirense foi un auténtico desafío para o equipo AMF Motorsport, onde Alberto Meira espremeu ao máximo o seu Citroën DS3 R5 en busca dunha vitoria que lle outorgase o título. As condicións foron complicadas desde o inicio, cun asfalto moi húmido, que se foi secando por zonas segundo avanzou a xornada.

Meira debía centrarse na batalla cos seus rivais directos, pois por diante, a presenza mundialista de Nikolay Gryazin foise distanciando no liderado, o que non daba opción ningunha de título ao de Vincios salvo que o piloto ruso sufrise problemas. Por tanto, a consigna de acceder á segunda posición era clara.

A batalla foi moi pechada, con diferenzas mínimas entre Meira e o seu máis directo rival durante toda a xornada, chegando aos dous últimos tramos con só 6 segundos de desvantaxe tras xogarse o tipo durante as sete especiais precedentes. Finalmente, o esforzo foi en balde, tendo que contentarse coa terceira posición final, pero que lle servía ao gondomarense e ao seu copiloto José Murado para proclamarse Campións da Copa Top Ten Pirelli, 10 anos despois do título cultivado nesa mesma copa, durante a primeira tempada co Mitsubishi Lancer Evo X.

Meira resumía esta cita decisiva: “Foi un rallye moi competido na xeral e dentro da Copa Top Ten Pirelli, estamos contentos aínda que non puidésemos loitar pola vitoria, porque Gryazin é un piloto mundialista e hoxe demostrouno. Satisfeitos co noso ritmo, que nos valeu para gañar a Copa, así que temos que poñernos a pensar en 2021 e seguir loitando nunha nova tempada, que oxalá non se vexa tan afectada pola pandemia como este ano”.