
O Trofeo Loterías y Apuestas del Estado viviu hoxe un magnífico día para pechar en Baiona a edición 2020 da Liga Española de Vela, con vento e emoción ata o último momento para definir a clasificación definitiva.
Os once equipos que participaron este ano comezaron a xornada cunha serie de enfrontamentos para completar as roldas clasificatorias, despexando así a incógnita de quen sería os seis equipos que participarían na Gran Final.
Hoxe a baía de Baiona mostrouse pletórica para animar estes últimos compases da competición, cun vento que nalgúns momentos mostrouse caprichoso en intensidade e dirección ante a entrada dalgún chuvasco, pero que en xeral contribuíu ao bo desenvolvemento das probas programadas para esta última xornada.
A ela chegaba a tripulación do Real Club Náutico de Valencia cunha cómoda vantaxe pero sen poder confiarse, pois o ritmo das regatas e o ímpeto dos equipos por facerse cun sitio no podio non deixaba marxe ao erro.
Cumprindo co programa previsto, axustado á alerta laranxa anunciada para as 15:00 horas nas costas galegas, finalizados os enfrontamentos de todos os equipos, anunciábanse os seis primeiros clasificados que pasaban á Gran Final: RCN Valencia, RCN de Arrecife, RCN Torrevieja, RCN de Gran Canaria, MRCY Baiona e CN Altea.
Era a quenda das tres regatas definitivas, con puntuación dobre. Ata o momento, todos demostraran a súa regularidade habitual. Todos menos un, o equipo do Monte Real Club de Yates que foi superior desde o principio nas súas augas e cun monotipo que demostra coñecer á perfección. As regatas da tripulación liderada por Manuel María Cunha, xunto a Jaime de la Gándara, Antonio María Cunha, Vasco Tinoco e Marta Ramada, contáronse por vitorias en toda a serie clasificatoria, ascendendo desde a oitava ata a quinta posición da provisional ao finalizar estas.
Chegaba o momento da verdade. Arrecife gañaba a primeira das regatas finais, seguido por Valencia e Baiona, o que non alteraba as posicións na táboa pero achegaba un pouco máis aos do Monte Real á cuarta posición. Os de Cunha volvían apertar o acelerador e un novo primeiro nas súas marcadoras, un terceiro de Gran Canaria e un quinto de Torrevieja poñía aos de Gran Canaria no terceiro chanzo do podio, aos do Monte Real en cuarta posición e baixaba aos de Torrevieja ata a quinta.
Os dous primeiros postos quedaban decididos, o Real Club Náutico de Valencia era o virtual gañador do Trofeo Loterías y Apuestas del Estado por diante do Real Club Náutico de Arrecife, pero o terceiro chanzo do podio seguía no aire e polo pugnaban tres equipos cunha marxe de dous puntos entre eles.
O Monte Real Club de Yates de Baiona gañaba a última regata seguido polo RCN de Arrecife e o RCN Gran Canaria, asinando así unha espléndida final e conseguindo un merecido terceiro posto na clasificación xeral.
O equipo do Real Club Náutico de Arrecife, liderado por Gonzalo Morales xunto a Fátima Diz, Roberto Molina, Tomás Fuentes e Ricardo Terrades non lograba revalidar o título, pero asinaba un contundente segundo posto.
E o Real Club Náutico de Valencia selaba a súa primeira participación na Liga Española de Vela cunha vitoria cultivada desde os primeiros compases. Axel Rodger, Pau Chirivella, Antonio Puig, Quicorras Urios e Mª José Algarra recibían o seu merecido trofeo de gañador de mans da presidenta da Real Federación Española de Vela, Julia Casanueva, e do presidente do Monte Real, José Luis Álvarez; o delegado de deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, acompañaba ao alcalde de Baiona, Carlos Gómez, na entrega do trofeo ao segundo clasificado, o Real Club Náutico de Arrecife; e o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, entregaba xunto a José Luis Álvarez o do terceiro clasificado ao equipo do Monte Real Club de Yates.
Julia Casanueva, presidenta da Real Federación Española de Vela, recoñecía o éxito desta nova edición da Liga Española de Vela e a consecución dos seus obxectivos: “A RFEV levaba xa varios anos tentado poñer en marcha este proxecto e grazas a Loterías y Apuestas del Estado o ano pasado conseguimos arrancalo. É unha gran iniciativa, a proba témola na incorporación este ano de novas tripulacións. Co ano tan complexo que vivimos temos 11 equipos que apostou pola liga. Ademais, é de resaltar que hai moitos tripulantes moi novos que se están incorporando a tripulacións máis feitas e isto é moi importante; estamos a conseguir queriámolo: conectar a vela entre as diferentes xeracións. Hai unha gran proxección tamén a nivel europeo porque está liga continuará na liga Europea e isto anima moito a todos os deportistas”.
Axel Rodger, patrón do equipo do RCN Valencia, sentíase orgulloso do éxito da súa tripulación e agradecía a celebración do Trofeo Loterías y Apuestas del Estado, A Liga Española de Vela, “porque foi un ano complicado no que navegamos moi pouco. Agradécese a valentía que tiveron a RFEV, o CN de Calpe e o MRCY de Baiona, ademais do apoio de Loterías y Apuestas del Estado por este evento”.