O luns 9 de outubro, o Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, publicou na páxina web do Concello “unha enquisa pública para coñecer a opinión da cidadanía” sobre o proxecto de reforma da Praza Manuel Alonso que o goberno firmara, ao final da pasada lexislatura, coa Deputación de Pontevedra. “Esta iniciativa, sen garantías e chea de propaganda, non resolve a situación de descontento co proxecto, principalmente, por parte dos comerciantes. Don Paco Ferreira segue negándose a explicar a iniciativa, debater coas persoas interesadas (especialmente, comerciantes e veciños) e cos grupos da oposición, escoitar as propostas de mellora que se poidan facer ao proxecto e consensuar unha humanización que non remate por liquidar o comercio local de Gondomar”, sinala Antonio Araújo.
Para Manifesto Miñor, esta enquisa demostra a desorientación de Ferreira, “que volve empregar a mentira, o engano e a propaganda no seu propio beneficio”. “En primeiro lugar, a enquisa vai acompañada dun texto cheo de imprecisións ou inexactitudes, cando non mentiras, pois obvia o posicionamento en contra de moitos comerciantes pola falta de diálogo co goberno municipal (principalmente, co Alcalde, Paco Ferreira, e a concelleira de Comercio, Rocío Goberna). O Alcalde segue actuando como se tivese maioría absoluta, malia que a veciñanza de Gondomar lle retirou a confianza e a maioría absoluta o pasado 28 de maio”.
Asemade, para Antonio Araújo a enquisa publicada na páxina web do Concello resulta completamente fraudulenta, “pois permite votar a calquera persoa con acceso a Internet, xa sexa de Gondomar ou non; unha persoa de Madrid, de Murcia ou de Bollullos tamén pode votar se está a favor da reforma da Alameda de Gondomar (un disparate!). A enquisa mesmo permite que unha única persoa poida votar varias veces dende distintos dispositivos. Que credibilidade podemos ter no resultado dunha enquisa de parte na que non hai control da participación? Trátase, ademais, dunha enquisa fraudulenta que deslexitima a institución municipal e desprestixia os órganos oficiais de comunicación entre o concello e a veciñanza”.
Dende Manifesto Miñor, queren denunciar “a covardía do señor Ferreira” ao esconderse tras un falso referendo para non dar explicacións e para non escoitar aos comerciantes da Alameda e a veciñanza real de Gondomar. “Don Paco segue a pensar que está en maioría absoluta e pode seguir gobernando o concello sen dialogar e chegar a acordos. As súas mentiras e manipulacións xa non funcionan!”.

