Sin categoría

O PP propón converter o antigo Ambulatorio de Panxón en centro de formación dual e ocupacional

O PP de Nigrán presentará no próximo pleno do día 21 de decembro, unha moción para instar o goberno municipal a completar a transferencia ao Concello do antigo Ambulatorio de Panxón. Desde xuño do 2016, cando se inaugurou o novo Centro de Saúde, o anterior edificio permanece pechado e en estado de abandono lamentable. “Transcorreron 4 anos e medio e apenas se avanzou en conseguir a transferencia do inmoble propiedade da Tesourería da Seguridade Social ao Concello, un prazo de tempo máis que suficiente para que xa estivese transferido”, lamentan os populares.

Desde o PP lembran que en decembro do 2018 o Alcalde manifestou aos medios de comunicación que se estaba preto da solución. “A realizade é que a día de hoxe seguimos igual que hai 4 anos, non temos nin a transferencia feita, algo verdadeiramente lamentable, cando desde o 2018 goberna o PSOE en España, polo que non hai escusa posible, un claro exemplo de desinterese, desidia e falta de xestión”.

Para os populares, o edificio coa adecuada reforma podería ser un activo importante para prestar formación ocupacional, especial, social e cultural, para todas as idades, así como un bo centro de formación dual, con inserción laboral, algo que tan bos resultados está a dar en Europa, colaborando a reducir considerablemente o paro xuvenil e permitindo a eses mozos optar a postos de traballo mellor remunerados.

“Cada vez máis Concellos e Institucións están a promover a formación dual para reducir o paro xuvenil e mellorar notablemente as súas perspectivas de futuro, tal e como se está facendo en Europa con notable éxito, é o momento de apostar por iso e non quedar atrás”, conclúe o PP de Nigrán.